A Xunta e a confraría de Pontedeume reforzan a súa cooperación para avanzar na mellora e rexeneración dos bancos marisqueiros

Os directores xerais de Pesca e de Desenvolvemento Pesqueiro mantiveron un encontro de traballo cos representantes do pósito para avaliar conxuntamente a situación das zonas produtivas e as necesidades dos profesionais

A colaboración institucional ten como eixo principal o convenio de restauración dotado con preto de 400.000 euros para o marisqueo a pé

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, mantiveron hoxe en Santiago unha xuntanza de traballo con representantes da Confraría de Pescadores de Pontedeume para analizar de xeito conxunto o estado dos recursos marisqueiros e coordinar liñas de acción compartidas.

Durante o encontro realizouse un seguimento da evolución das distintas zonas de produción da ría e abordáronse as principais necesidades trasladadas polos profesionais do marisqueo. Neste marco, ambas partes puxeron en valor a interlocución constante e o traballo coordinado que manteñen a Xunta e o pósito para buscar solucións técnicas e operativas adaptadas á realidade da súa actividade.

Esta cooperación estreita ten o seu principal reflexo no convenio asinado entre a Consellería do Mar e esta entidade sectorial para o desenvolvemento do plan de restauración e recuperación dos hábitats marisqueiros, que conta cun investimento de 398.531 euros. O acordo recolle, entre outras medidas labores de control de especies competidoras e a remuneración directa das persoas mariscadoras por a estes traballos. Ademais, a agrupación de marisqueo a frote presentará nas vindeiras semanas novas medidas complementarias de rexeneración das zonas produtivas.

Así mesmo, os representantes autonómicos e do pósito repasaron as diferentes medidas e liñas de apoio que a Consellería do Mar ten ao servizo do sector incidindo na vontade común de continuar avaliando de xeito conxunto novas vías de colaboración técnica e económica que contribúan a consolidar a sustentabilidade biolóxica e a viabilidade dos bancos marisqueiros locais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/10/2026