A conselleira de Política Social e Igualdade asistiu esta tarde á entrega dos galardóns no Teatro Colón da Coruña
Fabiola García sinala que Galicia está á vangarda da solidariedade na gala dos premios solidarios do grupo social ONCE
Destaca o papel desta entidade en favor da inclusión social, da autonomía persoal e da normalización da vida independente
A Coruña, 14 de outubro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, recoñeceu hoxe o traballo do Grupo Social ONCE como sinónimo de “inclusión social, de autonomía persoal, de normalización e de vida independente de aqueles que antes non podían nin soñar con ela”. Fíxoo na gala dos Premios Solidarios que esta entidade celebrou no Teatro Colón e que este ano acadaron a súa décimo oitava edición.
Fabiola García sinalou que Galicia “está á vangarda no que a solidariedade se refire” e que “podemos sentirnos orgullosos de estar á altura de calquera comunidade avanzada nos índices que miden o desenvolvemento e o benestar”. Así mesmo, destacou o papel de entidades, de institucións e de “heroes e heroínas anónimos” que tecen unha inmensa rede solidaria.
As empresas e entidades galardoadas este ano nos Premios Solidarios do Grupo Social ONCE son o Parlamento de Galicia (Premio ao Estamento da Administración Pública), Asociación STOP pola campaña ‘Cada neno un xoguete 2025’ (Premio á Organización, Institución, Entidade, ONG), Nauterra–Grupo Calvo (Premio á Empresa), Colectivo Solidario cos Maiores (Premio ao Medio de Comunicación) e Marisol Soengas (Premio á Persoa Física).