A Xunta constitúe a Comisión Superior para o Estudo do Desenvolvemento do Dereito Civil Galego
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes presidiu a reunión da entidade que marca o inicio formal do proceso institucional para pilotar a reforma integral da Lei de Dereito Civil de Galicia
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, presidiu hoxe a constitución da Comisión Superior para o Estudo do Desenvolvemento do Dereito Civil Galego. A reunión da entidade marca o inicio formal do proceso institucional para pilotar a reforma integral da Lei de Dereito Civil de Galicia que está a impulsar a Xunta no marco da súa aposta por unha xustiza moderna, eficiente e próxima á cidadanía.
A Comisión Superior para o Estudo do Desenvolvemento do Dereito Civil Galego está composta por representantes da Administración autonómica, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, das universidades galegas e de institucións xurídicas e profesionais, así como por expertos de recoñecida traxectoria profesional. As institucións integradas son o Consello da Cultura Galega, o Consello da Avogacía Galega, o Consello Galego de Procuradores, o Colexio Oficial de Rexistradores da Propiedade e Mercantís, o Colexio Notarial de Galicia e a Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.
O impulso desta reforma por parte do Goberno galego obedece á necesidade de adaptar unha normativa do ano 2006 e que foi revisada por última vez en 2017. Neste marco de acción, o mes pasado presentouse unha proposta de reforma elaborada pola Comisión Notarial de Dereito Civil de Galicia, centrada principalmente na necesidade de adaptación ao novo contexto sociolóxico e tecnolóxico e ao dereito internacional, así como na atención á protección das persoas con discapacidade, idade avanzada ou en situación de soidade non desexada. Esta proposta será un dos puntos de partida para o traballo da entidade constituída hoxe, xunto coas achegas das demais institucións e asociacións que poidan verse afectadas.