A delegada da Xunta en Ferrol destaca o labor de Aspaneps a prol da saúde mental infanto-xuvenil durante a inauguración da xornada ‘45+1º’

Ferrol, 16 de outubro de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor unha vez máis o labor da asociación Aspaneps a prol da saúde mental infanto-xuvenil e no eido da atención a menores con problemas de aprendizaxe na comarca de Ferrol durante a apertura da xornada 45+1º que se desenvolveu na sede de Afundación.

Na súa intervención, Aneiros defendeu a necesidade de traballar da man das entidades sociais “que achegan experiencia, coñecemento e unha relación directa coas persoas que atenden” para mellorar a resposta das administracións ás necesidades no ámbito da saúde mental no que asegurou quedan retos por acadar.

Neste sentido, destacou a colaboración que Aspaneps leva mantendo desde hai anos co sistema sanitario público galego “converténdose nun aliado imprescindible para mellorar a atención infanto-xuvenil e apoiar ás familias” e que se materializa nun convenio anual.

Así mesmo, referiuse ao Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030, aprobado recentemente, como unha ferramenta chave para reforzar e modernizar a rede pública de saúde mental, “ofrecendo unha atención máis accesible, coordinada, comunitaria e centrada nas persoas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2026