O Salón Teatro proxecta co apoio da Xunta un documental sobre a docente mindoniense Andrea López Chao

A peza audiovisual, impulsada polo Concello de Mondoñedo coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, poderá verse en Santiago o 27 de outubro

A produción repasa a memoria e o legado dunha figura destacada na defensa dos dereitos das mulleres na emigración cubana

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2026

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o martes 27 de outubro, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a estrea do documental O legado dunha mestra galega en Cuba. O poder de educar, dedicado á docente mindoniense Andrea López Chao, defensora dos dereitos das mulleres na emigración cubana e que recibirá unha homenaxe proximamente no Parlamento de Galicia, incorporando a súa figura e legado á historia de Galicia.

Así, a peza audiovisual, dirixida por Violeta Ramos e Daniel Vázquez Vila, está impulsada polo Concello de Mondoñedo, co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de recuperar a súa memoria e pór en valor a traxectoria desta galega que participou no I Congreso Nacional de Mulleres de Cuba, en 1923, e consolidou o seu papel como unha das voces pioneiras na defensa dos dereitos das mulleres no ámbito transatlántico.

Con esta acción, o municipio mindoniense continúa un camiño iniciado en 2022 coa colocación dunha placa no Parque da Lembranza do Cemiterio Vello e coa dedicación dunha rúa co nome de Andrea López Chao o ano pasado. Ademais, seguindo a iniciativa de Mondoñedo, a Cátedra de Lingua e Literatura galegas Neira Vilas, da Universidade da Habana, e que dirixe a filóloga galega Arantxa Fernández Crespo, vén desenvolvendo diversas citas anuais para afondar na importancia do aporte das mulleres galegas en Cuba.

Unha muller comprometida coa sociedade

Andrea López Chao radicouse en Cuba nos primeiros anos do século XX para facerse cargo da instrución que o Centro Galego brindaba aos galegos e galegas emigrantes. Destacou polo seu compromiso social e participación en iniciativas feministas históricas, motivada pola falta de atención sanitaria e social a galegas en situación de vulnerabilidade e sen recursos, no que foi considerado o mellor hospital de obstetricia de América Latina, baixo o nome de Hijas de Galicia-Concepción Arenal. A socióloga feminista Judith Astelarra consideraa como a maior iniciativa asistencial para mulleres emigradas no mundo.

Data de actualización: 18/10/2026