Belén do Campo acompaña al Centro Asturiano da Coruña na celebración das festas patronais da Virxe de Covadonga no tradicional Día do Desarme

A delegada da Xunta puxo de relevo a colaboración entre as institucións galegas e asturianas á hora de abordar desafíos compartidos, entre eles, a defensa dos intereses do sector pesqueiro, o desenvolvemento das enerxías renovables ou a resposta ao reto demográfico

A Coruña, 17 de outubro de 2026

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu hoxe a un dos acto organizados polo Centro Asturiano da Coruña con motivo das súas festas patronais na honra da Virxe de Covadonga, concretamente á cerimonia de imposición de distincións e á celebración do tradicional Día do Desarme. A delegada mostrou a súa satisfacción por acompañalos nun acto máis xa que compartíu con eles a celebración do Dia de Asturias o pasado 8 de setembro cunha celebración relixiosa a un posterior acto social.

O acto serviu para recoñecer a traxectoria e a vinculación dos socios coa entidade, mediante a entrega de tres insignias de ouro, aos membro que alcanzaron os 50 anos como socios do centro e cinco insignias de prata a aquelas persoas que cumpriron 25 anos consecutivos como membros da sociedade.

Belén do Campo quixo acompañar os membros do Centro Asturiano da Coruña nesta entrega de distincións que contribúe a preservar e difundir as tradicións asturianas e a fortalecer os lazos culturais e sociais entre Asturias e Galicia.

Belén do Campo subliñou os estreitos vínculos que unen Galicia e Asturias, dous territorios cuxa relación vai máis alá da proximidade xeográfica e se sustenta nunha historia compartida, en tradicións comúns e nunha identidade que se mantén viva ao longo do tempo. Ambas comunidades, sinalou, comparten valores como o esforzo, o compromiso co traballo e o respecto polas súas raíces.

A delegada destacou o Camiño Primitivo como unha das expresións máis representativas desta conexión histórica, unha ruta que enlaza a Catedral de San Salvador de Oviedo coa de Santiago de Compostela, un itinerario seguido por Alfonso II hai máis de mil anos e simboliza a vixencia dunha relación de amizade que continúa a fortalecerse.

No ámbito económico e social, Belén do Campo incidiu na capacidade do Camiño de Santiago para xerar oportunidades e dinamizar os territorios polos que discorre. Neste contexto, lembrou a relevancia que adquirirá Asturias na preparación e celebración do Xacobeo 2027, unha cita que contribuirá a reforzar a proxección internacional da ruta xacobea.

Por outra banda, puxo de relevo a colaboración e o entendemento entre as institucións galegas e asturianas á hora de abordar desafíos compartidos. Entre eles, mencionou a defensa dos intereses do sector pesqueiro, o desenvolvemento das enerxías renovables, a resposta ao reto demográfico e o avance do Corredor Atlántico Noroeste. Sobre esta última infraestrutura, destacou a súa importancia estratéxica para favorecer a competitividade empresarial e asegurar unhas condicións de desenvolvemento máis equilibradas para o conxunto do noroeste peninsular. Neste sentido, defendeu a necesidade de manter unha posición común que permita trasladar con maior forza as demandas de ambos territorios ante o Goberno central e as institucións europeas.

A xornada constituíu tamén unha ocasión para compartir e manter vivas as tradicións e a cultura asturianas, nunha celebración que combina o recoñecemento aos socios coa promoción dos costumes e da gastronomía do Principado. Entre eles destaca o Día do Desarme, unha cita histórica da cultura popular asturiana que ten como protagonista a súa tradicional comida, nun ambiente de convivencia e irmandade.

O Día do Desarme é unha das celebracións gastronómicas máis singulares de Asturias, especialmente vinculada a Oviedo, onde a tradición sitúa a súa orixe no século XIX. Segundo a versión máis estendida, conmemora un episodio no que os soldados entregaron as armas e celebraron a paz cunha comida contundente. Co paso do tempo, esta tradición converteuse nunha cita de referencia da cultura asturiana, na que a gastronomía actúa como símbolo de convivencia, irmandade e memoria colectiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2026