O VI Encontro CIBER.gal, que se celebrará do 4 ao 6 de novembro na Cidade da Cultura, abriu o prazo de inscrición
A Xunta e o Nodo CIBER.gal impulsan a sexta edición dun encontro que reunirá a profesionais, empresas, estudantes e cidadanía para abordar os principais retos actuais da seguridade dixital
O programa desenvolverase ao longo de tres xornadas e combinará relatorios, mesas redondas, actividades divulgativas e propostas
A relación da ciberseguridade coa intelixencia artificial, a aplicación da directiva europea, a identidade dixital, a soberanía tecnolóxica e a computación cuántica centrarán boa parte dos contidos profesionais
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026
A sexta edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, empezou xa a recibir inscricións para esta edición.
Consolidado como unha cita de referencia para o ecosistema galego da ciberseguridade, o VI Encontro CIBER.gal reunirá durante tres días a profesionais, empresas, administracións públicas, estudantes e cidadanía para compartir coñecemento, coñecer novas solucións e analizar os retos dun contorno dixital en constante evolución.
O Encontro está organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Nodo CIBER.gal, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
O programa da sexta edición estrutúrase en tres xornadas con contidos adaptados aos distintos públicos. A primeira estará orientada á Administración pública; a segunda, ao tecido empresarial, ao emprendemento e ao ámbito profesional; e a terceira terá un carácter divulgativo, cunha atención especial á comunidade educativa e á cidadanía.
As tres xornadas poderán seguirse de forma presencial ou en liña, previa inscrición nesta ligazón, con prazas limitadas para a asistencia física. A participación é totalmente gratuíta ata completar aforo. A información actualizada do encontro e do programa pode consultarse na páxina web do VI Encontro CIBER.gal.
Programa e visitas aos laboratorios da Xunta
A presente edición reunirá a persoas de recoñecido prestixio nacional e internacional que abordarán, entre outras cuestións, a directiva europea de ciberseguridade NIS2, a gobernanza da intelixencia artificial aplicada á ciberseguridade, a identidade dixital, ou o financiamento de empresas emerxentes.
Como novidade, este ano os asistentes terán a oportunidade de coñecer, previa inscrición, as instalacións, capacidades e os servizos dos laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade da Xunta de Galicia en produtos con elementos dixitais e ciberseguridade industrial.
Concurso Ciberseguridade no Cole
O programa inclúe tamén a final do concurso escolar Ciberseguridade no cole!, organizado por Telefónica como patrocinadora do evento, con actividades dinámicas para escolares, organizados por S2 Grupo, e unha competición de retos Capture The Flag (CTF), impulsada por Gradiant.
Ao longo das xornadas, os asistentes presenciais poderán desfrutar de momentos de networking con café, aperitivos e sorteos, nun ambiente pensado para favorecer a colaboración e o intercambio de experiencias entre estudantes, profesionais e empresas.