O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou na presentación da peza, que se estrea o vindeiro venres no Pazo da Cultura

Mofa e Befa presenta no FIOT de Carballo unha nova montaxe que conta co apoio da Xunta

Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto protagonizan a coprodución ‘A arte da guerra’ con dirección de Carlos Santiago

A obra é unha das seleccionadas ao abeiro da liña de axudas á creación do Goberno galego

O festival carballés rematará o 31 de outubro a súa 35ª edición, cun programa de 43 espectáculos

Carballo (A Coruña), 21 de outubro de 2026

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe en Carballo, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, na presentación de A arte da guerra, a nova montaxe da compañía Mofa e Befa que conta co apoio da Xunta ao abeiro da liña de axudas á creación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Con dramaturxia e dirección de Carlos Santiago, a peza está interpretada por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto. O equipo complétase co espazo escénico de Marcelino de Santiago, Kukas, e co deseño de iluminación de Octavio Mas. A montaxe parte do tratado de Sun Zi para construír, desde a farsa e o humor, unha sátira sobre o poder, o engano e os conflitos contemporáneos.

A estrea absoluta desta obra terá lugar este venres, 23 de outubro, ás 21,00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura carballés, ao remate da call le será entregado a Antonio Porteiro o Xograr de Outono 2026. Previamente, o xoves 22, ás 11,00 horas, ofrecerase unha función escolar a modo de preestrea.

A programación, que inclúe 43 espectáculos, oito estreas absolutas e nove estreas en Galicia, continúa o sábado 24, ás 20,00 horas, con Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, de María Velasco, en estrea en Galicia. O domingo 25, á mesma hora, será a quenda de Solo quería bailar, protagonizada por Olalla Hernández e dirixida por Alberto Velasco, dentro da liña OTNI.

O FIOT, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, celebra este ano a súa 35ª edición, que comezou o pasado 23 de setembro e remata o 31 de outubro.

Data de actualización: 21/10/2026