Remata a nova campaña de investigación e mellora do espazo de visita ao Castro do Teso de Ermida, en Navia de Suarna

O equipo técnico encargado dos traballos presentará os resultados o mércores ás 17,00 horas nunha visita guiada aberta ao público

A Xunta financiou a actuación con 20.000 euros a través dun convenio de colaboración co Concello

Lugo, 26 de outubro de 2026

O Castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna, acollerá este mércores, 28 de outubro, unha visita guiada na que se darán a coñecer os resultados da nova campaña arqueolóxica realizada este ano, co fin de seguir avanzando na investigación, posta en valor e mellora do espazo de visita ao xacemento.

A sesión será a partir das 17,00 horas con acceso libre e estará a cargo do equipo técnico encargado dos traballos. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinou 20.000 euros a esta actuación a través dun convenio co Concello de Navia de Suarna. Tamén participou a Asociación Ser.

O Castro do Teso da Ermida sitúase ao carón do lugar de Vilela, na parroquia naviega de Santa María de Son. Trátase dun asentamento de tipo castrexo que ocupa arredor de dúas hectáreas, instalado nun esporón rochoso entre dous regatos e que se relaciona coa explotación do ouro na antigüidade. Presenta un recinto fortemente delimitado por fosos e murallas que visualmente transmiten a concepción e fisionomía do mundo da Idade do Ferro en Galicia.

A nova campaña incluíu a escavación nunha superficie duns 30 metros cadrados correspondente ao sector 2 do xacemento, dándolle continuidade ás intervencións dos anos anteriores, co fin de completar a planta de tres das vivendas escavadas parcialmente e crear un itinerario de mellor acceso e interpretación para o público.

Ademais, leváronse a cabo labores de limpeza, roza, consolidación e acondicionamento de diferentes estruturas arqueolóxicas escavadas nos últimos anos, garantindo unhas condicións de conservación axeitadas para os visitantes.

Actuacións anteriores

Dende o ano 2020 realizáronse diferentes campañas arqueolóxicas no Castro do Teso da Ermida, que permitiron favorecer a súa conservación, caracterización e posta en valor. Tamén se levou a cabo a restauración da antiga ermida que se sitúa no propio ámbito do castro.

A última intervención data do ano 2025, cando se traballou na ampliación do sector 2 do xacemento, o que permite contemplar na actualidade varios bancais en ladeira onde se atopan as diferentes construcións. En  total son sete vivendas, catro delas practicamente completas (tres circulares e unha rectangular) e outras tres parcialmente escavadas, ademais de diversas zonas de paso, calellos, muros de nivelación e descarga, escaleiras, lousados e sistemas de drenaxe.

Data de actualización: 26/10/2026