A Xunta apoia 18 proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global
O Diario Oficial de Galicia publica as entidades beneficiarias que ao longo deste ano e tamén en 2027 levarán a cabo iniciativas centradas na sensibilización, formación, investigación e mobilización social en materia de cooperación para o desenvolvemento
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global deste ano, dotada con 720.000 euros distribuídos entre as dúas anualidades: 288.000 euros neste exercicio e os 432.000 euros en 2027.
Unha vez realizada a avaliación técnica das propostas, foron aprobados 18 proxectos, dos que seis se desenvolverán en agrupación con outras organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD) ou con universidades.
En concreto, figuran como iniciativas conxuntas beneficiarias as presentadas por Farmacéuticos Mundi (Farmamundi), e pola Asociación Ecos do Sur coa Universidade de Santiago de Compostela (USC); por Arquitectura Sen Fronteiras España (ASFE) coa Universidade da Coruña (UDC); pola Asociación Cidel Galicia, agrupada coa Universidade de Vigo; pola Fundacion Axuda en Acción, agrupada con Educo, Entreculturas e Taller de Solidariedade; e pola Fundación Balms para a Infancia, en agrupación con Cidel Galicia. Canto ao resto de entidades, a Asamblea de Cooperación pola Paz, a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e a Asociación de Enxeñería Sen Fronteiras (ISF) contan con dous proxectos beneficiarios en cada caso, mentres que Arquitectura Sen Fronteiras España, , a Fundación Entreculturas Fé y Alegría, a Fundación Taller de Solidariedade, Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), a Asociación Amigos da Terra e a Fundación Intered, reciben apoio para propostas presentadas de maneira individual.
As entidades beneficiarias desta convocatoria son organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, así como as universidades do Sistema Universitario de Galicia e as súas entidades dependentes e os centros de investigación públicos.
Os proxectos subvencionados desenvolverán actuacións de sensibilización e concienciación da opinión pública; formación e difusión nos ámbitos educativos; investigación sobre desenvolvemento sostible e cidadanía global; así como iniciativas orientadas á creación de redes de solidariedade e ao apoio á acción humanitaria e á cooperación para o desenvolvemento sostible global.
A convocatoria ten como finalidade apoiar iniciativas que contribúan a promover o coñecemento e a sensibilización sobre a cooperación para o desenvolvemento, as causas da pobreza e os retos do desenvolvemento sostible e da cidadanía global. Con esta liña de axudas, a Xunta colabora co labor das entidades e institucións galegas que traballan no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, favorecendo a sensibilización da sociedade e a formación dunha cidadanía máis comprometida cos retos globais, a solidariedade, a xustiza social e o desenvolvemento sostible.