A Xunta inclúe as súas prioridades nas conclusións da reunión preparatoria do Cumio Ibérico

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na Comisión Luso-Española para a Cooperación Transfronteiriza en Tordesillas, onde presentou as prioridades galegas en mobilidade, cooperación en materia laboral, turismo e desenvolvemento territorial

Tordesillas (Valladolid), 27 de outubro de 2026

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na XVII Reunión da Comisión Mixta Hispano-Lusa para a Cooperación Transfronteiriza, en preparación do próximo Cumio Ibérico, na localidade vallisoletana de Tordesillas. Na xuntanza, participaron as representacións dos gobernos tanto de España como de Portugal, das comunidades e das comisións de coordinación e desenvolvemento rexional da fronteira.

Como é habitual nesta Comisión, o documento de peticións remitido aos ministerios competentes foi consensuado coa CCDR-Norte, co obxectivo de identificar os principais asuntos de interese para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e que deberían ser abordados no posterior Cumio entre os gobernos centrais. Co obxectivo de mellorar a coordinación entre os distintos niveis de goberno e unha aplicación máis eficaz das decisións adoptadas, sobre todo nos temas que afectan a competencias que as rexións exercen de forma directa ou compartida, o director xeral volveu insistir na necesidade da integración dos gobernos das rexións de fronteira nos Cumios Ibéricos.

Na súa intervención, Gamallo defendeu reforzar o papel das rexións no próximo Marco Financeiro Plurianual Europeo 28-34, asunto que Galicia vén defendendo con grande intensidade nos últimos tempos ante as institucións colexisladoras en coordinación co resto das comunidades autónomas. Este traballo ten frutificado recentemente co compromiso da Comisión Europea de manter unha perspectiva multinivel no deseño, xestión e seguimento do orzamento, coa proposta de implementar os Plans de Colaboración Nacional e Rexional.

Outra das metas da Xunta é mellorar as vidas dos habitantes da fronteira, para o que solicitou un compromiso e unha acción máis decidida para acadar a aprobación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo. Resaltou os avances producidos a nivel europeo neste ámbito, coa creación dun grupo de traballo para analizar este tema vinculado ao Comité das Rexións. Tamén defendeu a creación dun Estatuto do Cidadán Transfronteirizo, que recoñeza dereitos específicos para as poboacións transfronteirizas e mitigue o “efecto fronteira”, en particular nas cinco eurocidades existentes na raia galego-portuguesa e na da Foz do Miño, que está previsto que abranga os municipios de A Guarda, O Rosal e Caminha.

Destacou, tamén, o enfoque transfronteirizo do turismo, en concreto na coordinación institucional para a promoción dos trazados portugueses do Camiño de Santiago como foco vertebrador da cultura e o desenvolvemento económico compartido, especialmente pola importancia do inminente Xacobeo 2027.

Gamallo presentou como principal reclamación en materia de infraestruturas de Galicia o proxecto do Corredor Atlántico como eixo intermodal integrador e de desenvolvemento. En particular, a alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto como parte dunha prolongación do Eixo Atlántico  que debería comunicar Ferrol e A Coruña con Lisboa. Este sistema de comunicación é crítico para o futuro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, estratéxico e indispensable que ten sido recoñecido como prioridade nos últimos Cumios Ibérico. O director xeral incidiu sobre a necesidade de velar polo cumprimento dos prazos acordados, xa que calquera retraso supón un grave prexuízo para a competitividade, a cohesión territorial e a integración europea da Eurorrexión.

No ámbito das infraestruturas tamén citou como prioritario a mellora do servicio ferroviario actual entre Vigo e Porto (Tren Celta), a nova ponte entre Salvaterra de Miño e Monçao, a conexión por estrada entre Macedo e Vinhais coa Gudiña e a rede para a mobilidade branda nas marxes do Miño Internacional.

A fronteira, como oportunidade para acercar territorios

A Xunta presentou a raia como unha oportunidade para aproximar as comunidades de fronteira. En materia de interconetividade das telecomunicacións, avogou polo uso coordinado do espectro radioeléctrico que permita a recepción da televisión pública do país veciño mediante infraestruturas compartidas por operadores de ambos os países.

No ámbito ambiental e de cooperación en emerxencias destacou o impulso para unha maior coordinación na loita contra os incendios forestais, cunha incidencia cada vez maior en frecuencia e intensidade ás áreas fronteirizas e presentou proxectos desenvolvidos con axuda do POCTEP, como Interlumes, Firepoctep, Fireprotect, así como Atempo no que se refire á prevención de emerxencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2026