A Xunta salienta a colaboración público privada para avanzar na especialización tecnolóxica adaptada ás necesidades de Galicia
Os Orzamentos 2027 apostan polo tecido produtivo galego apoiando ás empresas, impulsando a innovación e promovendo a súa transformación dixital
A Comunidade galega é tecnoloxicamente madura e competitiva, grazas á visión estratéxica do Goberno galego, a dispoñer dun ecosistema de coñecemento e a contar coa complicidade do sector tecnolóxico
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participa no acto conmemorativo do 30 aniversario da empresa NTT DATA en España
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026
A Xunta salienta a colaboración público privada para avanzar na especialización tecnolóxica adaptada ás necesidades de Galicia. É a base do novo Pacto Dixital de Galicia, que busca potenciar o ecosistema tecnolóxico da comunidade e axudar a superar as limitacións que a situación xeográfica ou a dispersión da poboación poden ocasionar.
Para recoñecer o traballo deste sector, no 2027 nacerá o selo Galicia Calidade TIC, un distintivo oficial destinado ás empresas e entidades do sector que destaquen pola implantación de modelos de xestión excelentes, innovadores, sustentables e socialmente responsables. Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante o acto conmemorativo do 30 aniversario da empresa NTT DATA en España.
Aposta polo tecido produtivo
Miguel Corgos quixo lembrar que os Orzamentos da Xunta para 2027 apostan polo tecido produtivo galego apoiando ás empresas, impulsando a innovación e promovendo a súa transformación dixital. Así, debullou polo miúdo algúns exemplos destes investimentos, como a “aposta decidida polo I+D+i, con 360 M€”, máis de 140 M€ para o financiamento de novos proxectos empresariais, máis de 90 M€ para reforzar a formación e capacitación de traballadores, por riba dos 40 M€ para apoiar os investimentos enerxéticos e impulsar o autoconsumo e “máis de 165 M€ para que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia siga liderando a transformación dixital de Galicia”.
Para o conselleiro de Facenda, a Comunidade galega é tecnoloxicamente madura e competitiva, grazas “á unión e o compromiso de todos os actores implicados”, empezando pola visión estratéxica do Goberno galego, con tres axendas dixitais, a última co horizonte 2030 e cun organismo transversal no eido da dixitalización, a Amtega. Pero tamén, engadiu, por “dispoñer dun ecosistema de coñecemento”, coa implicación das universidades e dos centros tecnolóxicos e por contar “coa complicidade de todo o sector tecnolóxico”.
Formación
Miguel Corgos puxo en valor a importancia da formación nun sector en constante e rápida evolución, para o que “contamos cunha ampla oferta” desde a Universidade ata centros de formación profesional, dirixida tanto ás persoas traballadoras actuais como ás que teñen interese de incorporarse ao sector, en disciplinas clave como a Intelixencia Artificial, “porque necesitamos reter e captar talento nas disciplinas relacionadas coas novas tecnoloxías”.