A Xunta licita por máis de 94.000 € a subministración de 75.000 kits de autotoma para o cribado de infeccións de transmisión sexual

O contrato inclúe un lote para a recollida de mostras vaxinais e outro para ouriña, co obxectivo de facilitar o acceso ás probas diagnósticas

O contrato terá unha duración inicial dun ano, podendo prorrogarse ata 3

As empresas interesadas poden enviar as súas ofertas ata o 26 de novembro

O cribado de infeccións de transmisión sexual mediante autotoma domiciliaria é unha das novidades recollidas nos orzamentos de 2027, que prevén a extensión do programa a toda Galicia tras unha primeira experiencia piloto en Vigo

A licitación enmárcase no Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030 e busca facilitar o acceso ás probas diagnóstica reducindo barreiras relacionadas coa intimidade e o estigma

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2026

A Xunta vén de licitar por 94.380 euros a adquisición de 75.000 kits de autotoma para que as persoas participantes no programa de cribado de infeccións de transmisión sexual poidan recoller as súas propias mostras de forma sinxela e segura, sen necesidade de acudir a un centro sanitario para realizar a toma.

A contratación enmárcase no Plan galego de prevención e control das infeccións de transmisión sexual 2026-2030 (Plan Sexsan), e busca facilitar o acceso ás probas diagnósticas, reducindo as barreiras relacionadas coa intimidade ou o estigma que poden dificultar a detección destas infeccións.

O contrato licitado divídese en dous lotes: o primeiro corresponde a kits de autotoma vaxinal, que permiten recoller mostras para identificar microorganismos mediante técnicas de PCR; o segundo inclúe kits para a recollida de mostras de ouriña.

A adquisición inclúe 37.500 kits de cada tipo, cun orzamento base de licitación de 67.155 euros para os kits de autotoma vaxinal e de 27.225 euros para os de recollida de ouriña.

O contrato terá unha duración inicial dun ano e poderá prorrogarse ata acadar unha duración máxima de tres anos. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 26 de novembro de 2026.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 26 de novembro ás 14,00 horas.

Aposta pola prevención e detección precoz das ITS

O Consello da Xunta aprobou a comezos deste ano o Plan galego de prevención e control das infeccións de transmisión sexual 2026-2030 (Plan Sexsan), dotado cun orzamento de 195 millóns de euros. O seu obxectivo é promover, impulsar e coordinar as actuacións necesarias para eliminar as infeccións de transmisión sexual como problema de saúde pública en Galicia en 2030.

Entre as súas medidas figura a extensión do cribado oportunista do VIH a toda Galicia e o impulso da autotoma domiciliaria, especialmente entre a poboación de 25 a 34 anos.

Esta actuación súmase ao reforzo dos programas de vacinación e cribado poboacional previstos nos orzamentos de 2027, para fomentar a prevención e a promoción da saúde pública. Está previsto que, tras unha primeira experiencia piloto en Vigo, o programa se estenda o vindeiro ano ao conxunto de Galicia.

Data de actualización: 28/10/2026