Belén do Campo informa de que aínda queda crédito para que os aloxamentos e restaurantes soliciten as axudas da Xunta para a mellora da eficiencia enerxética dos seus establecementos
A delegada da Xunta puxo en valor a importancia de apoiar investimentos que contribúan a modernizar as instalacións dos establecementos turísticos, reducir o consumo enerxético e avanzar cara a modelos de actividade máis sostibles
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, desprazouse esta mañá ata o Hotel Santiago Plaza Affiliated by Meliá, e ata o Nest El Camino, dous dos establecementos beneficiarios das axudas destinadas a impulsar a mellora da eficiencia enerxética no sector turístico. Durante a visita, lembrou que aínda queda crédito disponible para solicitar estas subvencións, en concorrencia non competitiva, que contan cun orzamento global de 9 millóns de euros para os exercicios 2026 e 2027.
Esta nova liña dá continuidade a un programa de 2024-2025, ano no que se repartiron axudas por un importe de 10,1 millóns de euros, para financiar actuacións de mellora da eficiencia enerxética en establecementos turísticos. Nesta convocatoria na provincia da Coruña recibiron estas achegas 45 establecementos por un importe de case 3,3 millóns de euros e concretamente na comarca de Santiago, na cidade un total 6 establecementos (Santiago Plaza, Nest El Camino, Apartamentos San Lázaro, hotel Castro, hospedería Vía Lucis e Ceo da Boca) e un no concello de Ames (Mollos e Boios Brasería) por un importe total de mais de 800.000 euros.
No transcurso das visitas, a delegada destacou que o Santiago Plaza recibiu unha subvención de máis de 300.000, o ano pasado. Pola súa banda a Nest El Camino, recibiu outra achega de case máis de 102.000 euros, en ambos casos a porcentaxe da axuda chega ao 90% do investimento total .
No caso concreto do Santiago Plaza a actuación foi dunha instalación térmica que contemplou a colocación de tres unidades exteriores de aerotermia, e tres depósitos de inercia de 2.500 litros cada un no interior. Os traballos incluíron tamén a substitución das bombas circuladoras dos colectores, co obxectivo de mellorar o rendemento das instalacións térmicas e optimizar o consumo enerxético do establecemento. Os datos técnicos da actuación reflicten unha redución significativa do consumo enerxético e das emisións contaminantes. O consumo de enerxía representa un aforro do 48,91 %. Pola súa banda, as emisións de CO₂ diminúen de 16,50 a 7,10 toneladas, cunha redución do 56,97 %. A intervención permitiu tamén mellorar a cualificación enerxética do hotel, que pasa da letra D á B tanto no indicador de consumo de enerxía primaria de orixe non renovable como no relativo ás emisións de CO₂.
No Nest El Camino a intervención consistiu na retirada dos radiadores e termos eléctricos existentes e na instalación de dous equipos de aerotermia, un acumulador de auga quente sanitaria de 200 litros, un interacumulador de climatización de 300 litros, un depósito de inercia de 150 litros e 16 unidades interiores. A actuación completouse coa incorporación dun recuperador de calor que contribúe a mellorar a eficiencia enerxética do sistema de ventilación. Con esta obra o consumo de enerxía redúcese nun 57,82 %. Pola súa banda, as emisións de CO₂ diminúen de 27,40 a 11,10 toneladas, cun aforro do 59,49 %. A intervención permite tamén mellorar a cualificación enerxética do hotel, que pasa da letra C á A tanto no indicador de consumo de enerxía primaria de orixe non renovable como no relativo ás emisións de CO₂.
Belén do Campo puxo en valor a importancia de apoiar investimentos que contribúan a modernizar as instalacións dos establecementos turísticos, reducir o consumo enerxético e avanzar cara a modelos de actividade máis sostibles. Neste sentido, salientou que actuacións como esta permiten mellorar a eficiencia das infraestruturas hoteleiras e reducir tanto os custos asociados ao consumo de enerxía como o impacto ambiental da súa actividade.
Nova convocatoria
A nova orde de axudas dispón dun orzamento de 9 millóns de euros para apoiar a execución de actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas. Deste importe, 900.000 euros corresponden á anualidade de 2026 e 8,1 millóns de euros á de 2027. Poden acceder a estas subvencións as persoas físicas e xurídicas que teñan a consideración de pemes e sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e restauración, agás as excepcións recollidas nas bases da convocatoria.
Os proxectos que se presenten deberán ter un carácter integral e incluír, como mínimo, dúas actuacións de eficiencia enerxética, xunto cunha ou máis actuacións ou investimentos relacionados co aproveitamento das enerxías renovables nos establecementos de aloxamento e restauración.
Entre as intervencións que poden recibir financiamento atópanse a mellora da envolvente dos edificios, a substitución ou renovación dos sistemas de iluminación por outros máis eficientes, así como a instalación de solucións baseadas en enerxía solar térmica, xeotermia, biomasa, aerotermia ou hidrotermia, ademais de sistemas fotovoltaicos destinados ao autoconsumo.
As solicitudes que se están presentando dentro do prazo e cumpran os requisitos establecidos nas bases serán tramitadas e resoltas por orde de entrada no rexistro. O período para presentar as solicitudes é de tres meses, iniciouse o luns 7 de setembro, permanecendo aberto ata as 20.00 horas do 7 de decembro de 2026, salvo que o crédito dispoñible se esgote con anterioridade. A intensidade da axuda dependerá do alcance do aforro acadado podendo chegar a un 50% e ata un 90%.