A Xunta e a diócese Mondoñedo-Ferrol analizan posibles vías de traballo conxuntas para o plan director de rehabilitación de Santo André de Teixido

A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co bispo, Fernando García Cadiñanos, para coñecer o borrador do proxecto

Ferrol, 9 de novembro de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co bispo da Diócese Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, para coñecer o borrador do plan director de rehabilitación e posta en valor de sitios propios do santuario de Santo André de Teixido elaborado pola entidade eclesiástica e analizar posibles vías de traballo conxuntas.

O santuario de Santo André de Teixido é o segundo centro de peregrinación da Comunidade Autónoma e punto de referencia tanto para o turismo relixioso como para o cultural e de natureza polo seu emprazamento privilexiado na serra da Capelada sobre uns acantilados de 600 metros de altura -entre os máis elevados da Europa continental-.

Segundo os datos da Diócese, o santuario recibe anualmente a preto de 100.000 visitantes, un volume de público importante que segundo se xustifica no borrador do plan director, esixe adaptar o entorno para garantir a conservación do patrimonio.

Este encontro no que tamén tomou parte o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, enmárcase dentro da rolda habitual de contactos que a delegada da Xunta vén mantendo con diferentes axentes e entidades do territorio para escoitar as súas demandas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2026