A conselleira de Política Social e Igualdade asinou esta mañá un convenio coa entidade

A Xunta e Asperga colaboran para poñer en marcha un programa de atención especializada a persoas adultas con TEA

Ángeles Vázquez lembrou que o Goberno galego traballa no I Plan Galego de Autismo no que o tecido asociativo ten un papel fundamental

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, e a presidenta da Asociación Galega de Asperger (Asperga), Rebeca Souto, asinaron un convenio de colaboración polo que a Xunta vai financiar con 50.000€ un programa de atención especializada a persoas adultas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) desta entidade.

Ángeles Vázquez puxo en valor esta iniciativa da entidade, que ten como obxectivo mellorar o benestar emocional, a autonomía, a inclusión e a participación social dos adultos con TEA, ademais de acompañar e orientar ás súas familias. Ademais, destacou que este programa incorpora unha perspectiva de xénero, prestando especial atención ás mulleres con TEA, debido ás dificultades de detección e ao infradiagnóstico que adoitan afectar a este colectivo

A maiores, a directiva de Asperga presentou á conselleira os principais retos da entidade, as súas necesidades, co obxectivo de avaliar novas vías de colaboración para reforzar a atención das persoas que máis o precisan. Neste sentido, a conselleira lembrou que a Xunta traballa da man das entidades sociais no primeiro Plan Galego de Autismo, que terá como obxectivo o reforzo dos recursos e das intervencións dirixidas ao diagnóstico e á atención temperá, a garantía da saúde integral e asegurar unha resposta educativa inclusiva e de calidade en todas as etapas. Ademais, este plan abordará o impulso da transición á vida adulta, facilitando o acceso ao emprego e á formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2026