Ángeles Vázquez traslada a Cogami o apoio da Xunta para ofrecer unha atención próxima e especializada ás persoas con discapacidade

A conselleira de Política Social e Igualdade reuniuse coa directiva da entidade, á que agradeceu o seu labor para proporcionar servizos de calidade alí onde son necesarios

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, reuniuse esta tarde coa directiva da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), á que trasladou a intención da Xunta de seguir mantendo unha estreita colaboración para ofrecer unha atención próxima e especializada no ámbito da discapacidade.

A conselleira manifestou o compromiso do Goberno galego de potenciar as axudas e apoios para a promoción da autonomía persoal das persoas con discapacidade, así como mellorar o seu benestar. Lembrou neste punto o labor das entidades sociais, coas que o Executivo autonómico traballa para ofrecer servizos de calidade alí onde sexan necesarios.

Da man do tecido social, a Xunta, indicou Ángeles Vázquez, traballa na elaboración dun Plan estratéxico con horizonte 2030, que dará resposta a retos como o auxe dos trastornos do espectro autista ou fomento da vida independente e a autonomía persoal. Co obxectivo de seguir avanzando cara a unha Galicia igualitaria, onde todas as persoas teñan acceso ás mesmas oportunidades e aos mesmos servizos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2026