Miguel Corgos destaca a implantación das novas tecnoloxías como clave para un tecido produtivo competitivo

 O conselleiro de Facenda e Administración Pública asistiu ao acto do 65º aniversario da Fábrica Coca-Cola na Coruña

A Coruña, 10 de novembro de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a implantación das novas tecnoloxías como elemento clave para un tecido produtivo competitivo.

Neste liña, durante o acto de celebración do 65º aniversario da Fábrica Coca-Cola na Coruña, ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o conselleiro de Facenda referiuse ao compromiso desta planta para avanzar en innovación, eficiencia e automatización. “Durante este tempo fostes capaces de evolucionar para adaptarvos ás necesidades do mercado, incorporando novas tecnoloxías, ampliando as vosas capacidades produtivas e reforzando o voso papel estratéxico dentro da compañía”, dixo, subliñando o compromiso industrial, económico e social non só coa cidade da Coruña, senón con Galicia.

Logo de felicitar á compañía por unhas instalacións modernas, eficientes e plenamente integradas na contorna, cuxo éxito se sustenta no compromiso, na experiencia e na profesionalidade dos seus traballadores, Corgos concluíu a súa intervención facendo fincapé na importancia de que cada vez máis investidores aposten por desenvolver os seus proxectos en Galicia, contando cunha Administración facilitadora, capaz de ofrecer un acompañamento máis personalizado e proactivo.

“Unha colaboración público-privada que conecte a capacidade industrial de Galicia coa innovación, a internacionlización e a captación de investimentos para reforzar, así, a competitividade das empresas afincadas no territorio”, dixo, incidindo en que o maior valor que pode dar unha administración pública é estabilidade e certeza.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2026