Dous novos servizos de autobús directos conectan Betanzos e A Coruña en horas punta
O servizo da mañá ten saída de Betanzos ás 6.50 horas e chegará á Coruña ás 7.20 horas, cunha duración de 30 minutos fronte aos 45 do percorrido actual
O novo servizo desde A Coruña ás 15.30 horas, de luns a venres laborables en tempada lectiva, ten chegada a Betanzos ás 16.00 horas
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026
A conexión a través de transporte público por estrada entre Betanzos e A Coruña conta con dous novos servizos directos que funcionan de luns a venres en horas punta. Amplíanse así as opcións para viaxar en transporte público por autoestrada entre os dous municipios os días laborables á primeira hora da mañá e á primeira hora da tarde.
En Betanzos, os servizos saen e finalizan na parada Betanzos (praza), situada na praza dos Irmáns García Naveira, e na Coruña realizan a parada da avenida Alfonso Molina á altura da antiga estación de autobuses, tanto á chegada como á saída. No itinerario inclúese como parada intermedia a dos institutos de Betanzos.
En sentido á Coruña, o servizo que saía ás 7.00 horas de Betanzos (praza) pasa a realizarse por autoestrada ata a parada da avenida Alfonso Molina e axustou o horario de saída ás 6.50 horas. A modificación permite ofrecer un servizo directo máis cedo entre Betanzos e A Coruña, a onde ten chegada ás 7.20 horas.
Este servizo funcionará de luns a venres laborables durante todo o ano. O percorrido directo permitirá completar a viaxe en 30 minutos, o que supón unha redución de 15 minutos respecto da duración do servizo ao que substitúe, que circulaba por estrada e realizaba máis paradas.
En sentido Betanzos, creouse un novo servizo directo con saída da parada da avenida Alfonso Molina ás 15.30 horas e chegada a Betanzos ás 16.00 horas, que se presta de luns a venres laborables durante a tempada lectiva.
Con estas melloras, a cidadanía dispón, de luns a venres, de 23 servizos por autoestrada entre Betanzos e A Coruña ao día, 10 os sábados e 15 os domingos.
As persoas usuarias poderán consultar a información dos servizos nas webs bus.gal e mobt.gal así como nas aplicacións de Transporte Público de Galicia e MoBT.