Galicia expón no V Encontro autonómico as boas prácticas da Estratexia Galega de Contratación Pública 2030
O foro celébrase os días 12 e 13 de novembro para abordar o reto de profesionalizar a contratación pública
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2026
Galicia exporá as boas prácticas da Estratexia Galega de Contratación Pública 2030 no V Encontro autonómico que se celebra os días 12 e 13 de novembro en Tenerife, para abordar o reto de profesionalizar a contratación pública.
O director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro Díaz, destacará a importancia de contar cun instrumento coherente coa Estratexia Nacional de Contratación Pública e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030, e que poña de manifesto as peculiaridades de Galicia, potenciando liñas estratéxicas como a compra de produto local e de proximidade de calidade ou a potenciación de sectores estratéxicos para a Comunidade.
Así mesmo, incidirá na necesidade de incrementar a profesionalización do persoal empregado público dedicado á contratación pública, para o cal a Estratexia Galega de Contratación prevé mellorar a eficiencia dos recursos humanos dedicados á contratación, incrementando e mellorando a formación do persoal, entre outros aspectos.
No foro avaliarase tamén a IA e a contratación pública, co fin de compartir coñecemento, evitar inversións tecnolóxicas duplicadas e construír unha capacidade pública común sen reducir a autonomía de cada Administración.