O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na apertura da segunda edición do encontro, na Cidade da cultura, acompañado pola directora xeral de Xuventude

López Campos destaca o apoio da Xunta ao talento e potencial da mocidade galega a través de programas como ‘Xuventude na Onda’

O representante do Goberno galego anima as persoas participantes a tirar proveito das actividades da proposta, de balde, que inclúen relatorios, música, humor e xogos

Salienta que a iniciativa xera un “espazo de inspiración, aprendizaxe e colaboración” entre a rapazada, mentores, institucións académicas e o ecosistema innovador galego

Conversas e mesas redondas sobre futuro laboral, intelixencia artificial e creación de contidos adobíanse coa actuación de 9Louro, Sara Gimeno e o humor de Xurxo Carreño

A cita acolle tamén o programa ‘A mente en forma’ para concienciar da saúde mental no deporte, con participantes como Iván Raña, campión mundial de Triatlón e Acuatlón

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o apoio da Xunta ao talento e potencial da mocidade galega, a través de programas como Xuventude na Onda. Fíxoo na apertura da segunda edición deste encontro que desenvolverá na Cidade da Cultura unha vintena de actividades de balde, que inclúen música, humor, xogos e contará coa participación de nomes destacados como Xurxo Carreño, Esther Estévez ou Iván Raña e as actuacións musicais 9Louro e Sara Gimeno.

Acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o representante do Goberno galego explicou que o obxectivo desta iniciativa é ofrecerlle á mocidade “un espazo de inspiración e aprendizaxe desde o que fomentar o seu desenvolvemento persoal e profesional”. Para iso, apuntou que a rapazada participante gozará ao longo de todo este día dunha programación que incluirá encontros con mentores, institucións académicas, así como empresas e entidades colaboradoras dos programas Xuventude Mentoring e Fórmate na Empresa.

Deste xeito, López Campos puxo en valor que a cita lle vai permitir ás persoas asistentes “coñecer os perfís profesionais máis demandados ou o impacto da Intelixencia Artificial no mercado laboral”. Ademais, salientou que, “en liña co obxectivo do Plan xeral de lingua de visibilizar referentes e influentes sociais en galego, abordarase as posibilidades de creación de contidos de calidade desde o humor e en galego”. Con este propósito, indicou que o encontro conta cos relatos e traxectorias do humorista Xurxo Carreño e da xornalista Esther Estévez, presentadora do espazo audiovisual Dígocho eu?.

A maiores, tamén considerou importante que a programación “conte cun espazo para promover entre a mocidade unha alimentación saudable”, en referencia a actividade práctica Teño fame e cero ganas, impartida por Moncho Méndez, do restaurante Millo, “quen ensinará de xeito ameno como preparar receitas rápidas fóra das etiquetadas como comida lixo”.

'Mente en forma'

Finalmente, o conselleiro destacou a integración, nesta segunda edición de Xuventude na onda, do programa da Xunta Amente en forma, “que botou a andar o pasado ano para concienciar da importancia da saúde mental no deporte”. Nesta ocasión, agradeceu a participación de “nomes destacados e referente” como Pedro Nimo, atleta internacional, campión de España de maratón; Miguel Mandayo, creador de contido e futbolista; Adrián Vázquez, piloto de rallies e triplo gañador da Copa Hyunday i20N no Rally de Ourense, e Iván Raña, campión mundial de Trialtón e Acuatlón.

Cómpre destacar que, durante toda a xornada,  o encontro ofrecerá un espazo para o lecer cun circuíto de drons ou a posibilidade de interactuar cos outros participantes, a través de diferentes  xogos con Lego ou realidade virtual e tamén sorteo de agasallos entre os participantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2026