O delegado da Xunta en Ourense visitou esta mañá o concello de Cenlle, para comprobar de primeira man o resultado das obras de acondicionamento levadas a cabo neste recinto
A Xunta mellora o local destinado á biblioteca pública municipal e á aula CEMIT de Cenlle cunha axuda de máis de 19.000€
Manuel Pardo explicou que foi substituído o pavimento do recinto rematado en formigón pulido continuo por parqué flotante de vinilo, co fin de mellorar as condicións climáticas do espazo
Tamén dotouse o espazo de dez estantes con marcos para exposicións, un moble tipo vitrina para gardar trofeos e premios, un altofalante de máis potencia que o anterior para a realización de concursos, e catro pufs para a sección infantil máis confortables para os mais cativos
Esta orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca modernizar e adecuar este tipo de infraestruturas en liña cos obxectivos do Plan de modernización das infraestruturas culturais públicas de Galicia ou en dos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
Ourense, 12 de novembro de 2026
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá a Cenlle para, acompañado da súa alcaldesa, Rebeca Sotelo, comprobar de primeira man o resultado das obras de acondicionamento levadas a cabo no local destinado á biblioteca pública municipal e á aula CEMIT, ao abeiro da orde de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.
O delegado da Xunta detallou que no edificio, situado no anexo das oficinas municipais do concello e que consta de 57 metros cadrados, foi substituído o pavimento rematado en formigón pulido continuo por parqué flotante de vinilo, co fin de mellorar as condicións climáticas do espazo.
Nesta liña, Manuel Pardo explicou que como na biblioteca realízanse moitas exposicións, dotouse o espazo de dez estantes con marcos para por o material das mostras, ou colocar os libros recomendados en canto non se realicen ditas actividades.
Tamén se adquiriu un moble tipo vitrina para gardar trofeos e premios, un altofalante de máis potencia que o anterior para a realización de concursos e certames, e catro pufs para a sección infantil máis confortables para os mais cativos.
Durante a visita, o representante do Goberno galego indicou que esta orde da Xunta busca modernizar e adecuar este tipo de infraestruturas en liña cos obxectivos do Plan de modernización das infraestruturas culturais públicas de Galicia ou en dos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia para permitir o acceso á cultura sexan cales sexan as circunstancias sociais, económicas ou demográficas.
Actuacións subvencionables
Mediante esta convocatoria sufráganse gastos relativos á mellora da accesibilidade, mediante a instalación de plataformas elevadoras, e das condicións dos locais a través da reforma dos servizos enerxéticos ou de calefacción. Así mesmo, contribúese á posta en funcionamento de novos centros e a mellora de equipamento das salas con accións como a instalación de butacas ou a compra de equipamento escénico, audiovisual, de iluminación e de son.