A Xunta promociona o territorio transfronteirizo Galicia e Portugal entre creadores de contido no marco do proxecto europeo Rio Minho Plus 2026

Turismo de Galicia impulsa esta acción promocional do 12 ao 15 de novembro, que reúne a seis creadores de contidos para percorrer diferentes enclaves das dúas beiras do Miño

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2026

Turismo de Galicia organiza do 12 ao 15 de novembro o Press Trip Visit Rio Minho Plus 2026, unha acción promocional destinada a dar a coñecer os recursos turísticos, paisaxísticos, culturais e gastronómicos do territorio transfronteirizo que comparten Galicia e Portugal.

A iniciativa conta coa participación de seis creadores de contidos especializados en viaxes, turismo e experiencias, que difundirán a través das súas plataformas dixitais os atractivos deste destino. Esta viaxe quere achegar ao público destes profesionais a identidade do destino a través das súas paisaxes, tradicións, gastronomía e cultura do viño, afondando nas relacións entre ambos territorios e no papel do Camiño Portugués na contorna.

Esta programación percorre diferentes dimensións da identidade do espazo transfronteirizo, comezando pola historia e as relacións culturais entre ambas as beiras do Miño a través de visitas a diferentes enclaves, como o casco histórico de Tui e a fortaleza de Valença. O río, como elemento vertebrador do territorio, centra tamén parte das actividades, que permiten coñecer a súa influencia na paisaxe, na actividade económica e nas tradicións locais, especialmente na cultura vitivinícola.

A proposta complétase cun achegamento ao rural, aos recursos naturais e patrimoniais e á tradición comercial da contorna, ademais de coñecer de primeira man as experiencias, historias e oficios daquelas persoas que dan vida ao territorio, ademais das actividades produtivas que contribúen a manter viva a identidade compartida de Galicia e Portugal.

O proxecto VISIT RIO MINHO PLUS

Esta viaxe enmárcase nas accións de promoción turística desenvolvidas ao abeiro do proxecto VISIT RIO MINHO PLUS, cofinanciado pola Unión Europea e coa finalidade de fortalecer a competitividade e a sustentabilidade do sector turístico na rexión transfronteiriza do río Miño, promovendo a cooperación entre os territorios de Galicia e Portugal e impulsando a posta en valor dos recursos compartidos como elementos de atracción turística.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2026