A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto para construír unha nova depuradora en Cee

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

A futura infraestrutura hidráulica, que substituirá á actual, foi deseñada para dar servizo a unha poboación estimada de 16.352 habitantes

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para a execución dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no concello de Cee, deseñada para dar servizo a unha poboación estimada dun 16.362 habitantes equivalentes, incluíndo a poboación actual e as necesidades a futuro.

Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.

En canto ao obxectivo das actuacións previstas no proxecto, cómpre indicar que consisten na construción dunha nova estación depuradora de augas residuais na parroquia de Brens, no municipio coruñés de Cee. Esta infraestrutura hidráulica substituirá á actual e construirase ao sueste do núcleo urbano, entre a antiga estación e as instalacións industriais do porto de Brens.

O informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada deste proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor —neste caso Augas de Galicia que actúa, ademais, como órgano substantivo— foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de 14 organismos públicos e entidades.

Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicións nos seus respectivos informes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

A este respecto, os órganos consultados conclúen que sería viable a posta en marcha do proxecto sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, da poboación e da saúde; da auga e dos leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; da xestión de residuos e do patrimonio natural, entre outros.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e agora dáselle publicidade a través de anuncio publicado no DOG e da páxina web da Consellería.

Data de actualización: 16/11/2026