A intelixencia artificial é a tecnoloxía avanzada que máis medra no tecido empresarial galego no último ano
O seu uso aumenta un 84,9 % nas microempresas e un 43,3 % nas empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia, os maiores incrementos porcentuais en cada segmento
Nun segundo posto están os servizos na nube, que xa están presente no 39,9% das empresas de maior tamaño con sede en Galicia
A contratación de Cloud Computing aumenta un 62,3% entre as microempresas galegas e alcanza o 9,9%
Nas microempresas, a analítica de datos mediante provedores externos medra un 84,6% e sitúase no 7,2%
O Business Intelligence está presente no 21% das empresas de maior tamaño con sede en Galicia e no 4,2% das microempresas
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2026
A incorporación de tecnoloxías avanzadas continúa progresando no tecido empresarial galego. En 2025, o 14,9% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia emprega intelixencia artificial, un 43,3% máis que o ano anterior. Nas microempresas, a adopción da IA pasa do 5,3% ao 9,8% nun ano, cun incremento relativo do 84,9%.
Son datos recollidos no informe «Galicia Dixital. Tecnoloxías Disruptivas nas empresas de Galicia. Edición 2025», que publica o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a intelixencia artificial, o Cloud Computing, a analítica de datos e o Business Intelligence.
Uso da IA
Nas empresas de 10 ou máis persoas traballadores a intelixencia artificial consolídase como unha ferramenta estratéxica para automatizar tarefas, optimizar procesos e apoiar a toma de decisións.
As solucións xerativas para crear imaxes, vídeos, sons ou audio son as máis estendidas: utilízaas o 54,6% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia e o 63,9% das microempresas que empregan IA.
A intención de incorporar IA continúa aumentando: o 10,7% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia considerou adquirir esta tecnoloxía, fronte ao 4,1% do ano anterior. Nas microempresas, a porcentaxe sitúase no 2,6%.
A nube e a analítica de datos manteñen un forte avance
O 39,9% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia contrata servizos de Cloud Computing, o que supón un crecemento anual do 26,7%. A contratación de servizos na nube tamén avanza entre as microempresas: medra un 62,3% e alcanza o 9,9%.
A analítica de datos con persoal propio chega ao 35,1% das empresas de maior tamaño con sede en Galicia, cun avance do 28,1% respecto de 2024. Nas microempresas sitúase no 7,4%, un 10,4% máis que no ano anterior.
O Business Intelligence é cada vez máis utilizado
O uso Business Intelligence presenta unha clara relación coa dimensión das compañías: emprégao o 21% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia, fronte ao 4,2% das microempresas. Estas ferramentas de análise e visualización apoian unha toma de decisións máis baseada nos datos.
Especialización por sectores de actividade
Entre as empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia, o sector servizos presenta os niveis máis elevados de uso da intelixencia artificial. Nas microempresas, é a industria a que amosa a maior penetración desta tecnoloxía, vinculada á automatización e á mellora dos procesos produtivos.
Nas empresas de 10 ou máis empregados e sede en Galicia, o informe identifica unha maior presenza do Business Intelligence nas actividades vinculadas ao sector TIC, á información e comunicación e aos contidos. O uso destas solucións é máis frecuente nos servizos que na industria e na construción.
A analítica de datos con persoal propio presenta igualmente unha maior implantación nos servizos e na industria. O recurso a provedores externos é máis frecuente no sector servizos, especialmente entre as empresas de maior tamaño.
Os datos do informe poden consultarse en www.osimga.gal