Rueda aborda coa Real Academia Galega novas vías de colaboración para impulsar a promoción da lingua

O presidente da Xunta mantén un encontro co presidente da RAG, Henrique Monteagudo, no que abordan a creación da Fundación Pro-Academia e a modificación dos estatutos da institución

A reunión permite analizar tamén a colaboración no desenvolvemento do Plan xeral de normalización da lingua galega, xa en marcha, e a situación das obras de rehabilitación da sede da Academia

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, no que abordaron distintas cuestións relacionadas coa colaboración entre ambas institucións e coa promoción da lingua galega.

Durante a reunión, Monteagudo presentoulle ao titular do Executivo galego o proxecto de creación da Fundación Pro_Academia, unha iniciativa que ten como obxectivo apoiar e impulsar actuacións de promoción da lingua e da cultura galegas en distintos ámbitos da sociedade, con especial atención á infancia e á mocidade.

Así mesmo, analizaron a proposta de modificación dos estatutos da Real Academia Galega, aprobada polo plenario da institución o pasado 20 de marzo, así como o procedemento para a súa tramitación por parte da Xunta de Galicia, á que lle corresponde a súa aprobación.

Outro dos asuntos abordados foi o desenvolvemento do novo Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado polo Parlamento de Galicia o pasado 7 de outubro e actualmente en marcha.  Neste sentido, tratouse a colaboración da Real Academia Galega na planificación, seguimento e difusión das medidas recollidas neste documento, que inclúe preto de 700 actuacións para impulsar o uso e a presenza do galego nos diferentes ámbitos sociais.

A reunión serviu tamén para abordar a rehabilitación da sede da Real Academia Galega, situada na rúa Tabernas da Coruña. As obras do edificio xa están rematadas e está pendente a súa entrega, unha vez completada a dotación do mobiliario. A Xunta colabora neste proxecto asumindo os gastos derivados do traslado temporal da institución e da adecuación das súas oficinas provisionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2026