Villaverde defende a unificación da normativa do mergullo profesional en España para reforzar a seguridade dos traballadores
A conselleira do Mar inaugurou na Illa de Arousa o III Foro de Acuicultura e Mergullo Igafa 2026, que reúne a estudantes, docentes, expertos e representantes do sector de distintas comunidades autónomas
Incidiu na necesidade de adaptar a formación profesional aos avances tecnolóxicos e ás demandas da industria acuícola para garantir a incorporación de persoal cualificado ao sector
A Illa de Arousa (Pontevedra), 26 de novembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu hoxe a necesidade de avanzar cara á unificación dos criterios que regulan o exercicio do mergullo profesional no conxunto do Estado para dotar de maior seguridade xurídica a actividade e reforzar a protección dos traballadores. Así o manifestou durante a inauguración do III Foro de Acuicultura e Mergullo, organizado polo Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), que reúne na Illa de Arousa a estudantes, docentes, expertos e representantes do sector de distintas comunidades autónomas.
A titular de Mar sinalou a importancia de contar cun marco normativo común que permita superar as diferenzas existentes entre territorios no relativo aos requisitos formativos e ao recoñecemento das titulacións profesionais. Neste sentido, avogou por unha regulación moderna e aliñada cos estándares europeos que dea resposta ás particularidades dunha actividade que, polas súas características, require unha elevada cualificación técnica e unhas estritas condicións de seguridade.
Villaverde incidiu tamén nas oportunidades laborais que ofrece esta profesión en ámbitos como as enerxías renovables mariñas ou a enxeñaría hidráulica, nos que a cualificación dos traballadores conforme aos estándares internacionais resulta determinante para acceder ao mercado laboral. Esta cuestión será abordada nunha das catro mesas redondas previstas no foro, na que se analizará o alcance da homologación da International Marine Contractors Association (IMCA) na formación impartida no Igafa.
A xornada, estruturada en dous bloques temáticos dedicados á acuicultura e ao mergullo profesional, serve como punto de encontro entre os centros de ensino e o tecido produtivo para intercambiar experiencias, compartir boas prácticas e analizar os retos aos que se enfrontan ambas as actividades.
Durante a súa intervención, a conselleira destacou a importancia de “acompasar os contidos da formación profesional á evolución da industria acuícola”, especialmente nun contexto marcado pola dixitalización dos procesos produtivos, a incorporación de novas tecnoloxías e a necesidade de dar resposta aos desafíos derivados do cambio climático.
Villaverde puxo de relevo a importancia da colaboración entre os centros formativos e as empresas para adecuar as competencias do alumnado ás necesidades reais do mercado laboral, así como o papel da formación especializada para favorecer a remuda xeracional no conxunto das actividades vinculadas á economía azul.