A Xunta anima ao sector galego e do norte de Portugal a seguir traballando por crear un destino econáutico e deportivo único

A directora de Turismo, o presidente de Portos e o delegado territorial da Xunta en Vigo participaron na presentación do proxecto ‘Ecodestin’ da Asociación Galega de Actividades Náuticas que promove un turismo náutico innovador e sustentable

Vigo, 14 de novembro de 2017
  • whatsapp

A importancia do turismo náutico para a nosa Comunidade quedou hoxe de manifesto na presentación do proxecto Ecodestin, unha iniciativa liderada pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) que aspira a converter Galicia e o Norte de Portugal nun destino econáutico e deportivo cun potencial único no mundo.

Os responsables deste proxecto expuxeron os seus obxectivos nun acto no que participaron máis de cen representantes do sector náutico galego. Por parte da Xunta de Galicia asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, ademais do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves. Todos animaron a seguir traballando, desde a colaboración público-privada, nesta dirección.

Este ano o Goberno autonómico impulsou, da man do sector, a Estratexia do turismo de Galicia 2020, un documento que fixa os retos e as oportunidades neste eido e no que o turismo náutico e o deportivo ocupan un lugar destacado. Na reunión púxose sobre a mesa o papel do mar como un recurso que diferencia e enriquece a Galicia fronte a outros destinos, o que contribúe a especializar e diversificar a oferta e a desestacionalizar a demanda.

De feito, trabállase para consolidar un destino de calidade, sustentable, innovador e accesible e cada vez é máis salientable o proceso de internacionalización que vive o turismo en Galicia, cos viaxeiros estranxeiros en aumento, ao que, como se indicou na reunión, podería contribuír Ecodestin.

Galicia conta con 72 municipios costeiros, máis de 1.600 quilómetros de costa con preto de 900 praias e 16 rías navegables durante practicamente todo o ano, como proba a iniciativa Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia que a Xunta promove da man de Agan+ entre os meses de xuño e novembro. No eido da excelencia, ademais do liderado en bandeiras azuis, cómpre salientar que de cada 10 instalacións náutico deportivas que recibiron no pasado ano o distintivo Q de Calidade Turística en España, seis atópanse en Galicia.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017