O titular da Xunta participou hoxe no acto conmemorativo do 25 aniversario do Intecmar
Feijóo reivindica Galicia como o mellor lugar para acoller o laboratorio europeo de bivalvos

Refírese ao liderado da Comunidade en produción de bivalvos, á traxectoria investigadora e a vocación de seguir ampliándoa a través do Intecmar, como os mellores avais para oficializar a candidatura

Asevera que un dos obxectivos é seguir reforzando o coñecemento sobre bioloxía mariña, orientándoo á conservación do mar e ao impulso das economías costeiras, liña na que tamén vai a creación do Campus do Mar

“O Intecmar leva 25 anos velando pola seguridade alimentaria, pola saúde dos moluscos e polo bo estado das nosas augas, 25 anos sendo a garantía do sector”, afirma

O orzamento do Intecmar crecerá en 2018 un 20%, ata situarse nuns 3,3 millóns de euros para, entre outras cousas, mellorar os equipos de laboratorio

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 24 de novembro de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe Galicia como o mellor lugar para acoller o Laboratorio comunitario de referencia para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos dos moluscos bivalvos. Como argumentos para defender a idoneidade de Galicia, referiuse ao liderado da Comunidade en produción de bivalvos, á traxectoria investigadora e á ocasión de seguir ampliándoa a través do Intecmar e ao traballo para dar unha resposta coordinada aos retos do brexit no eido da pesca na Unión Europea. A xuízo do presidente, estes son os mellores avais para conseguir oficializar a condición de referentes no estudo dos bivalvos.

“Se traballamos unidos, se facemos fincapé na coordinación co Goberno de España e se somos capaces de explicar o que facemos e a nosa experiencia conseguiremos oficializar a nosa candidatura”, abundou, incidindo en que este obxectivo non se podería formular sen a traxectoria e o traballo do Intecmar.

Durante o acto conmemorativo do 25 aniversario deste instituto, Feijóo aseverou que un dos principais obxectivos de Galicia na actualidade é seguir reforzando e ampliando o coñecemento sobre bioloxía mariña, orientándoo á conservación do mar e ao impulso das economías costeiras. “Por iso estamos, ademais, impulsando a creación do Campus do Mar, que permitirá que nuns anos os mellores científicos mariños do mundo teñan acento galego”, dixo.

Ao longo da súa intervención, subliñou que o Intecmar leva desde 1992 tendo a misión de aplicar as técnicas máis modernas da ciencia para preservar o delicado equilibrio do mar. Para isto trazou unha ampla rede de puntos de mostraxe ao longo de todo o litoral galego, que subministran información exhaustiva e precisa co obxectivo de responder coa máxima axilidade e eficiencia a calquera situación de risco a nivel biolóxico. Este sistema de mostras e alertas converteu esta institución nunha referencia para o control das biotoxinas mariñas e o fitoplancto tóxico.

Así mesmo, Feijóo recordou que este labor de vixilancia se asenta nunha tripla función: a seguridade alimentaria —eido no que se realizan cada ano unhas 100.000 probas— a sanidade animal e a loita contra a contaminación mariña.

“Estamos a falar dun centro que ten un papel esencial á hora de artellar a resposta de Galicia contra calquera episodio de contaminación mariña. O Intecmar leva 25 anos velando pola seguridade alimentaria, pola saúde dos moluscos e polo bo estado das nosas augas, 25 anos mirando e escoitando o mar e sendo a súa voz, 25 anos sendo a garantía do sector”, dixo. O presidente concluíu subliñando que, como proba do compromiso da Xunta con esta institución, o seu orzamento crecerá en 2018 un 20%, ata situarse nuns 3,3 millóns de euros para, entre outras cousas, mellorar os equipos de laboratorio.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2017