Nava Castro participa na ruta gastronómica do Camiño Francés, que pon en valor os produtos locais en outono e inverno

A directora de Turismo de Galicia, acompañada de Juan Serrano, presidente da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, asistiu en Portomarín hoxe a esta iniciativa onde diversos establecementos prepararon as súas tapas

Esta ruta xacobea, declarada Patrimonio Mundial hai case 25 anos, recibe o 60% dos case 300.000 peregrinos que chegaron a Santiago de Compostela este ano

O Plan director do Camiño de Santiago, do que se executaron máis da metade das accións coa vista no Xacobeo 2021, aposta por medidas como a dinamización dos diferentes itinerarios xacobeos, a difusión das súas singularidades, a cooperación interadministrativa ou a creación de novos produtos vinculados á peregrinación
 

Portomarín (Lugo), 6 de decembro de 2017
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe, no concello lucense de Portomarín, na Ruta Gastronómica do Camiño Francés, iniciativa que dinamiza o principal itinerario xacobeo nos meses de outono e inverno, cando a afluencia de peregrinos tende a descender. Esta proposta, que pon en valor os produtos locais e axuda a dinamizar as súas economías, é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés.

Esta ruta gastronómica, que comezou o pasado outubro e se estenderá ata o próximo mes de xaneiro, é unha aposta máis da estratexia do Goberno galego pola desestacionalización da chegada de viaxeiros e peregrinos, repartidos ao longo do ano. Nas fins de semana ou en xornadas festivas como a de hoxe, os camiñantes poden degustar tapas baseadas nos seus mellores produtos. No caso de Portomarín, as propostas céntranse na anguía, as carnes, a augardente, a tarta de Portomarín ou a améndoa, ingrediente estrela das súas sobremesas.

O Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial hai case 25 años, concentra o 60% dos case 300.000 peregrinos chegados este ano, dos que a maior parte son estranxeiros. Isto converte esta ruta gastronómica nun escaparate da gastronomía de diferentes zonas, desde o queixo do Cebreiro, na entrada en Galicia, ata o galo piñeiro do Pino, xa na recta final.

Por 11 concellos de Lugo e A Coruña

Dita mancomunidade está composta por 11 municipios pertencentes ás provincias de Lugo e A Coruña, cada un dos cales protagoniza unha xornada con produtos como o cocido, o pan artesán, os embutidos, o polbo, a carne de porco, os biscoitos de Manjarín, o roscón de Pascoa, a tarta de Ancano, os melindres, o capón ou o queixo Arzúa-Ulloa, entre outros.

Este tipo de iniciativas forman parte das oito liñas estratéxicas do Plan director do Camiño de Santiago do que, coa vista posta no Xacobeo 2021 e un investimento de 56 millóns de euros, xa se executou máis de metade. Coas súas actuacións e iniciativas, respóndese ás necesidades actuais dos peregrinos e aos retos derivados de internacionalización da ruta. Grazas a este Plan, afóndase na diversificación de fluxos, pois traballa na dinamización de todos os itinerarios xacobeos e na difusión das súas singularidades, ademais de fomentar a cooperación interadministrativa ou a creación de novos produtos vinculados á peregrinación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/12/2017