A Xunta expón ao sector TIC a súa aposta pola cualificación especializada a través das unidades formativas na empresa

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, mantivo hoxe en Santiago un encontro cos axentes e emprendedores deste ámbito para explicarlles a aposta do Goberno galego pola formación á carta en consonancia coas demandas das empresas

Apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas de sectores estratéxicos vinculados cona Axenda Industria 4.0

Puxo en valor o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) que forma ao ano unha media de 1000 profesionais das TIC
 

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, salientou hoxe en Santiago nun encontro que mantivo cos axentes do sector TIC galego, incluíndo tamén emprendedores, a aposta da Xunta por este eido ofrecendo unha formación especializada en consonancia coas demandas das empresas, que se traduce, en palabras de Marnotes, na creación de máis e mellores postos de traballo.

O director xeral explicou que o Goberno galego traballa en adaptar a formación dos traballadores galegos ás necesidades reais do tecido produtivo con diversas ferramentas orientadas ao novo modelo industrial e ás novas tecnoloxías, entre as que destacou as unidades formativas na empresa, dirixidas a empregados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración.

Para esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas, que inclúe cualificación para firmas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0, como é o ámbito das TIC.

As unidades formativas dirixidas a desempregados ofrecen formación á carta na propia empresa que, pola súa banda, ten que comprometerse a un mínimo de contratación, ao 40% dos alumnos que participen en cada unha das 40 unidades previstas. O prazo de solicitude para a primeira das convocatorias deste programa xa está aberto. Para presentar as inscricións das axudas correspondentes ao financiamento das accións formativas con compromiso de contratación, o prazo rematará o 5 de abril. No caso dos incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa, respectando en todo caso o límite máximo do 14 de decembro de 2018.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia, a través desta actuación, o 100% da formación, e para aquelas compañías que superen o compromiso mínimo de contratación ofreceráselles axudas para promover os contratos indefinidos, que oscilan entre os 7000 e 16.000 euros. O apoio mínimo de 7000 euros aumentará ata os 8000 para os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Ademais, as mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados, así como as empresas emprazadas no rural, recibirán un 25% máis de axuda sobre os 7000 ou 8000 euros, segundo sexa o caso, podendo chegar os apoios, desta maneira, aos 16.000 euros.

Nesta convocatoria, optarán a estas axudas as empresas ou agrupacións temporais de firmas que presenten unha solicitude conxunta. Este programa inclúe tamén para 2018 de xeito novidoso o seu carácter bianual coa finalidade de que os cursos sexan máis complexos e poidan prolongarse durante máis meses, ata o ano 2019.


O programa destinado a ocupados céntrase na formación en empresas de sectores estratéxicos, entre os que se atopan as TIC. A previsión é a través desta iniciativa formar a 1500 traballadores en 500 compañías. O prazo de solicitude deste programa tamén está aberto, rematando o 2 de abril. O Goberno galego, a través desta actuación, financia tamén o 100% da cualificación, cun límite de 200.000 euros para empresas ou agrupacións de firmas, priorizando actuacións vinculadas coa silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática. O principal requisito deste programa de axudas é que as compañías pertenzan a algún dos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia


Outra das iniciativas que puxo en valor o director xeral de Orientación e Promoción Laboral é o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Xunta, específico para o sector TIC, no que se forman ao ano unha media de 1000 traballadores.

Marnotes avanzou a programación para este ano e lembrou que este centro vén de recibir un dos galardóns dos Premios TIC Galicia, que organiza o Clúster TIC Galicia, xunto coa Laconnetwork, o premio Iniciativa TIC, dedicado a organismos, organizacións, asociacións, fundacións (públicas ou privadas) que axudan na creación, lanzamento e asentamento de empresas e ao propio emprendedor. O galardón recoñece o labor do CNTG no seu impulso á formación dos traballadores con perfís tecnolóxicos e pola súa contribución a que este colectivo de profesionais estea preparado para dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo galego relacionados coas novas tecnoloxías e a sociedade da información.

“Trátase, en definitiva, de ofrecer formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual”, rematou Marnotes, quen subliñou que un dos retos da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/02/2018