Arranca o programa integrado de emprego “Terras de Iria IV”, que acolle a 85 veciños dos concellos de Dodro, Rois e Padrón

Menores de 30 anos, parados de longa duración e maiores de 45 recibirán formación durante un ano nos sectores do metal, conserva, supermercados e coiro

O delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, participou hoxe no acto de benvida

Padrón (A Coruña), 9 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O auditorio de Padrón acolleu esta mañá o acto de apertura do programa integrado de emprego “Terras de Iria IV”, promovido polos concellos de Dodro, Rois e Padrón. Ao acto acudiron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e os respectivos alcaldes, Valentín Alfonsín, Ramón Tojo e Antonio Fernández Angueira.

Nesta cuarta edición, o programa integrado acolle a 85 participantes entre menores de 30 anos con ou sen cualificación, perceptores de prestación por desemprego e parados de longa duración e maiores de 45 anos. O obxectivo é mellorar a ocupabilidade dos participantes no mesmo, e incrementar as súas posibilidades de inserción laboral. Os destinatarios do programa, 47 homes e 38 mulleres, proceden dos tres concellos promotores: 19 de Dodro, 25 de Rois e os 41 restantes, de Padrón.

As diferentes accións están vinculadas directamente aos sectores do metal, da conserva, dos supermercados e do coiro, que son os que priman na comarca do Sar e a súa contorna. En concreto, no ámbito do metal o programa contempla cursos de mecanizado, carpintería metálica, soldadura TIG, técnico de prevención de riscos, carretilla elevadora ou manexo de ponteguindastre. No referente á conserva, os contidos recollen materias coma manipulador de alimentos e seguridade alimentaria, traballos en altura e carga e descarga, autoclaves, control de cerres, elaboración de conservas e produtos do mar, e operacións auxiliares de almacén.

No referente ao sector terciario, e en concreto, aos supermercados, inclúense cursos de dependente da sección de frescos, caixeiro-repoñedor, e atención ao público. O ensino especializado complétase cun curso de manufacturas do coiro de 100 horas. Ademais o programa inclúe cursos transversais de ofimática, inglés, busca de emprego mediante o uso das novas tecnoloxías, mobilidade laboral nacional e internacional, experiencias empresariais, taller de coaching laboral, obradoiros de empregabilidade e dinámicas de grupo.

Os participantes poderán realizar prácticas voluntarias non laborais en empresas, sesións de orientación laboral, orientacións de autoemprego, e accións de intermediación laboral con empresas, e colaboración do eido empresarial recollendo currículos dos participantes do programa para a súa valoración e incorporación a empresa. Haberá unha unidade permanente de atención aos participantes. A formación e as prácticas non laborais en empresas comprenderán o traballo con ferramentas e útiles de traballo propios dos postos.

Ovidio Rodeiro comezou por felicitar aos participantes: “traballaredes durante doce meses para mellorar as vosas capacidades profesionais, a vosa empregabilidade, en definitiva, o voso futuro”. Tamén tivo unha mención especial para o tres alcaldes “que por cuarto ano conseguides levar a cabo este proxecto, unha formación de calidade para o emprego que non sería posible sen a colaboración entre as administracións públicas. Todos temos moi claro que ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns e cidadás”.

Dous millóns de euros en 25 concellos

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten activos na provincia da Coruña 14 programas integrados de emprego que buscan incrementar as oportunidades laborais de 1.190 persoas sen emprego. A iniciativa supón un investimento de preto de dous millóns de euros que se distribúen entre 25 concellos, a Mancomunidade de Ferrol e dúas entidades sen ánimo de lucro.

Ademais do caso de Dodro con Rois e Padrón;, os programas foron promovidos polos concellos de Ames con Brión; Ferrol; Arteixo; A Coruña; Cerceda con Tordoia e Carral; Cabanas con Fene, Mugardos, Neda, Pontedeume e Ares; Cedeira con Cariño e Cerdido; As Pontes; Santiago; e Vimianzo con Muxía e Camariñas. Así mesmo, a Mancomunidade de Concellos de Ferrol acóllese a un programa. No que respecta ás entidades sen ánimo de lucro, os beneficiarios e promotores dos programas integrais de emprego foron a Asociación de Empresarios do Tambre e a asociación Compostela Monumental.

Os programas establecen como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais. Forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/02/2018