Na entrega dos II Premios CEL-Abanca
Conde sinala a dixitalización e a formación como os retos do novo modelo económico e destaca o labor innovador de Jim Sports

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegura que esta empresa especializada no mundo do deporte é unha mostra de que desde calquera polígono industrial de Galicia é posible medrar e abarcar novos mercados

Indica a aposta que a Xunta está a facer por xerar actividade económica e emprego a través da Lei de implantación empresarial

Lembra as convocatorias de apoios para a dixitalización e formación 4.0 nas pemes galegas e as Unidades Formativas en empresas
 

Palas de Rei (Lugo), 14 de febreiro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá en Palas de Rei, durante a entrega dos II Premios CEL-Abanca, que a dixitalización e a formación son os retos do novo modelo económico e salientou o labor innovador de Jim Sports, empresa garlardoada desta edición.

“Jim Sports está amosando que ten unha clara visión estratéxica en termos de innovación, de loxística e de internacionalización”, asegurou Conde e explicou que esta compañía especializada no mundo do deporte, con case unha decena de marcas propias e que exporta a 30 países, é un modelo a seguir e un exemplo de ata onde se pode chegar apostando pola calidade e a innovación, ademais da mostra de que desde calquera polígono industrial de Galicia é posible medrar como empresa e abarcar novos mercados.

Neste sentido, lembrou a aposta que o Goberno galego está a facer por xerar actividade económica e emprego aportando facilidades administrativas e vantaxes fiscais a través da nova Lei de implantación empresarial e insistiu na importancia da colaboración de todas as administracións co mundo empresarial “para establecer canles que permitan a creación de emprego de calidade, o que significa poñer todos os recursos a disposición do tecido empresarial”.

No eido da dixitalización e da formación, Conde salientou a necesidade de que as empresas sexan innovadoras para ser diferentes e máis competitivas e puxo o exemplo da aposta tecnolóxica de Jim Sports. Tamén informou dos apoios da Consellería de Economía, Emprego e Industria nesta materia coa convocatoria de axudas por un importe de 6 millóns de euros para pemes que poñan en marcha novos sistemas informáticos ou obradoiros de formación de Industria 4.0 e incidiu na labor que se está a desenvolver por dotar ás empresas de recursos para que poidan ofrecer aos traballadores formación adaptada ás súas necesidades e novos perfís profesionais, poñendo como exemplo o programa de Unidades Formativas en empresas, ao que se destinarán 6,5 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/02/2018