A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado impulsou esta acción que se enmarca no programa europeo ‘Europa cos cidadáns’
A Xunta fomenta a irmandade de Padrón, Santa Comba e A Baña con localidades europeas para impulsar a aprendizaxe intercultural

Os tres municipios, a través desta acción, ábrense á posibilidade tanto de acoller participantes doutras rexións europeas como a que os seus mozos e mozas se impliquen en proxectos noutros países

Os concellos de Padrón e Santa Comba acollerán nos meses de maio e xuño xuntanzas coa participación de persoas procedentes de Eslovaquia, Italia, Portugal, Grecia, Hungría e Alemaña

O concello da Baña participará en marzo en Cerdeña (Italia) nun encontro con participantes italianos, de Romanía, Lituania e Polonia

A responsable do departamento autonómico de Xuventude, Cecilia Vázquez, salienta que o obxectivo do programa é favorecer que a xente nova teña máis oportunidades para o entendemento mutuo con outros mozos e mozas europeos, así como promover a solidariedade, a aprendizaxe cultural, o compromiso social e o voluntariado a escala da Unión Europea

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, saudou hoxe que os concellos de Padrón, Santa Comba e A Baña decidan irmandarse con localidades europeas ao abeiro do programa ‘Europa cos Cidadáns’ para o desenvolvemento de proxectos e accións dirixidas á mocidade. A responsable autonómica reuniuse hoxe nas dependencias administrativas de San Lázaro con representantes destes tres municipios e destacou que esta iniciativa europea redundará en beneficio da xente nova xa que “se abren máis posibilidades para levar a cabo cooperacións mutuas en proxectos e accións dirixidos á mocidade entre entidades, asociación e municipios de diferentes países”, indicou a directora xeral.

Ao respecto da iniciativa ‘Europa cos Cidadáns’, Cecilia Vázquez explicou que este ten como obxectivo difundir información e prestar asesoramento aos operadores culturais, así como achegar a Unión Europea aos cidadáns e cidadás na procura de aumentar o seu nivel de concienciación e compresión sobre a construción da Unión. Así, entre as accións que se apoian ao abeiro desta iniciativa está a irmandamento entre municipios.

Nesta liña, a responsable das políticas de Xuventude do Goberno galego sinalou que a iniciativa de participar neste programa por parte dos concellos de Santa Comba, Padrón e A Baña, tanto para acoller a participantes en Galicia como para participar noutros países, “é unha excelente oportunidade para fomentar a participación dos mozos e mozas na vida democrática da UE, achegalos ás institucións da Unión, e animalos a coñecer e poñer en valor moitas das vantaxes que a proporciona a cidadanía europea”.

Asemade, Cecilia Vázquez destacou que este programa “favorecerá o feito de que a mocidade destes tres concellos poidan ter novas oportunidades para o entendemento mutuo con outros mozos e mozas de Europa, así como o fomento da solidariedade, a aprendizaxe intercultural, o compromiso social e o voluntariado a nivel europeo”.


No que atinxe aos proxectos que se realizarán, a proposta do concello de Santa Comba leva por título ‘A igualdade de xénero fai unha Europa mellor’ e se desenvolverá do 28 de maio ao 3 de xuño nesta localidade coruñesa. A mesma reunirá a 45 participantes procedentes de municipios de Eslovaquia, Italia, Portugal e Grecia. Entre outras actividades realizaranse conferencias, reunións e obradoiros nos que se reflexionarán sobre as medidas para a igualdade de xénero que existen hoxe en día nos diferentes municipios, rexións e países. O obxectivo deste encontro é promover estratexias e enfoques innovadores para abordar as cuestións prioritarias no contexto da igualdade de oportunidades.

O proxecto do concello de Padrón titúlase ‘Fomentar a solidariedade para unha Europa mellor’. Trátase dun irmandamento no que participan cidades de Portugal, Italia, Eslovaquia, Grecia, Hungría e Alemaña. Este evento, que ten como finalidade sensibilizar á sociedade civil europea sobre as oportunidades que proporciona o feito de pertencer á Unión Europea, terá lugar entre os días 14 e 20 de maio e reunirá a 55 persoas dos sete países participantes.

Pola súa banda, o concello da Baña desenvolverá o proxecto ‘Alianza de irmandamento para a acción en solidariedade social’, do 6 ao 12 de marzo. Esta acción terá lugar en Cerdeña, Italia, onde os participantes desta localidade galega se encontrarán con participantes italianos, de Polonia, Romanía e Letonia.

Nos último trienio, foron aprobados 676 proxectos no marco do ‘Programa Europa cos Cidadáns’, sendo concedidos a España 20 e dos cales 6 deles corresponden a Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/02/2018