O poeta Carlos Negro, premio dos Clubs de Lectura 2018

O poeta, tamén docente, recollerá o galardón na XI Xornada dos Clubs de Lectura dos centros de ensino secundario de Galicia, o vindeiro 1 de xuño

O recoñecemento faise público co gallo da celebración do Día mundial do Libro e dos Dereitos de autor o 23 de abril
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2018
  • whatsapp

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos vén de publicar a resolución pola que se concede o premio anual de Clubs de lectura ao autor galego más lido polas lectoras e lectores que formaron parte dos Clubs de lectura no curso 2016/2017, impulsados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que no 2018 recae no profesor e poeta Carlos Negro. O galardón seralle entregado o vindeiro 1 de xuño no marco da XI Xornada dos Clubs de Lectura.

O recoñecemento ten como obxectivo poñer en valor o labor de autores galegos que facilitan coas súas obras a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das persoas que toman parte nos clubs, contribuíndo á construción de novos lectores e lectoras na etapa da adolescencia. Trátase, ademais de creadores comprometidos coa lingua propia de Galicia e coa extensión da lectura en galego. O premio creouse no ano 2015, e dende entón recibírono Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016) e Miguelanxo Prado (2017).

Os clubs de lectura son grupos de dinamización a prol da lectura no seo das comunidades educativas de cada centro. Funcionan, ademais, como espazos de convivencia e educación cidadá e como ámbitos de aprendizaxe non formal que contribúen á adquisición de competencias clave, ao acceso á lectura dixital e ás novas tecnoloxías da comunicación e da información, a través do uso nas súas actividades das redes sociais, os booktrailers ou os blogues.

Un total de 231 centros de ensino secundario e postobrigatorio contan este curso 2017/18 con clubs de lectura ao abeiro da convocatoria da Consellería, á que se destinan 215.000 euros. O 82% dos clubs acolle varios grupos de lectura, dependendo do nivel de estudos, os intereses dos participantes ou as temáticas. Nas reunións, que se celebran fóra do horario lectivo, participan este curso algo máis de 11.000 persoas, entre profesorado, alumnado, persoal non docente e familias. Non en balde, o 26% dos membros dos clubs son adultos, o que dá conta da capacidade destes grupos para conectar interxeneracionalmente a comunidade educativa. Así mesmo, os centros intercambian información dos seus respectivos clubes creando, por exemplo, listaxes dos libros máis lidos, o que contribúe a tecer unha ampla rede de lectores e lectoras ao longo e ancho da xeografía galega.

O galardoado

Carlos Negro (Lalín, 1970) é profesor de lingua e literatura galega, escritor e poeta. Entre outros recoñecementos, ten recibido o premio Johán Carballeira polo poemario Héleris (2003), o Victoriano Taibo por Cultivos transxénicos (2008), o premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega á mellor obra de literatura infantil e xuvenil por Penúltimas tendencias (2014), e o premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2016 por Tundra.

A súa conexión coa mocidade, máis aló da docencia, vén determinada polo labor de achegamento da poesía ao público xuvenil que está desenvolvendo nos últimos anos a través de diversos recitais e obradoiros. Teñen grande éxito entre o lectorado novo títulos como Makinaria, Penúltimas tendencias ou Masculino singular, libros que rompen con estereotipos de xénero e contribúen na construción dunha sociedade máis igualitaria.

Día mundial do libro

Este recoñecemento faise público co gallo do Día mundial do Libro e dos Dereitos de autor, que se celebra o 23 de abril, e que a Consellería conmemora cada ano editando un díptico cun texto dunha persoa referente da literatura galega actual. Este ano o narrador, poeta e editor Fran Alonso cedeu un texto para este díptico, no que se centra nas posibilidades e nos efectos da lectura, e que se pode consultar no portal das Bibliotecas Escolares de Galicia, no enlace http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/1075.
 

Data de actualización: 22/04/2018