O presidente da Xunta presidiu o acto de sinatura do convenio polo que se crea o Consorcio Interuniversitario de Galicia
Feijóo anuncia que se situará na Cidade da Cultura o edificio Fontán, onde se instalarán os servizos compartidos entre as tres universidades galegas

O edificio, que se levantará sobre a estrutura do que ía ser o Teatro da Ópera, supón un investimento de 17 millóns de euros, mentres que facelo en calquera outro lugar custaría uns 30 millóns, 13 máis

O presidente indica que o novo consorcio lle dá continuidade á vontade de cooperación universitaria que se leva reflectindo nos últimos anos con feitos como o plan de financiamento, o acordo para a docencia clínica en Medicina, a estratexia de especialización dos campus ou a mellora do mapa de titulacións

O futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais, que tamén se instalará no Fontán, profundará en todo o que rodea a nosa paisaxe e patrimonio, con especial atención ao Camiño de Santiago

“Trátase dunha decisión tomada en clave de país, unha decisión valente e xenerosa e que plasma que o minifundismo académico non cabe nas universidades galegas do século XXI”, resume Feijóo

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que no recinto da Cidade da Cultura se emprazará o edificio Fontán, onde se instalarán o novo Consorcio Interuniversitario de Galicia e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ademais do futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais. “Estes centros necesitan un espazo físico onde se poida traballar, e Galicia dispón dun lugar onde poden asentarse sen que iso supoña comezar a edificar desde cero e incrementar o gasto de forma innecesaria”, explicou.

O novo edificio levantarase sobre a estrutura do que ía ser o Teatro da Ópera, a máis económica de todas as alternativas dispoñibles para emprazalo. Feijóo explicou que o edificio Fontán, aproveitando as estruturas que xa existen, suporá 17 millóns de euros, mentres que facelo en calquera outro lugar, de acordo coas estimacións máis conservadoras, requiriría un investimento duns 30 millóns de euros, 13 millóns de euros máis. Por outra banda, os 17 millóns de euros que se necesitarán para situar no Gaiás o edificio Fontán son tan só 7 millóns de euros máis do que custou a estrutura do teatro e do que se necesitaría para derruílo. Tamén cómpre ter en conta que na Cidade da Cultura xa existe un ecosistema de traballo, polo que se poderán compartir os gastos en seguridade, calefacción e infraestruturas informáticas.

“Situando este edificio no complexo do Gaiás tomamos unha decisión responsable para as arcas públicas, respectuosa co investimento que os galegos xa fixemos neste espazo e beneficiosa para as nosas universidades, porque está ao carón da arteria principal de Galicia, a Autoestrada do Atlántico”, resumiu Feijóo. O presidente da Xunta fixo referencia ao “sentidiño económico” que entraña a decisión, pois o edificio Fontán será sustentable a nivel enerxético, aproveita o xa existente para crear algo novo e o importante nel será o interior, non o exterior.

Vontade de cooperación


Feijóo agradeceu a xenerosidade dos reitores das universidades galegas, tanto do da Universidade da Coruña, Julio Abalde, como dos reitores saíntes das de Santiago e Vigo, Juan Viaño e Salustiano Mato, así como dos entrantes, Antonio López e Manuel Reigosa. Todos eles danlle continuidade a unha vontade de cooperación que xa non é nova. Este espírito de traballo conxunto traduciuse en feitos, indicou o presidente, como o plan de financiamento ata 2020, o acordo para a docencia clínica en Medicina, a estratexia de especialización dos campus e a mellora do mapa de titulacións. Todo isto demostra que “en Galicia non vai imperar o localismo universitario nin o minifundismo académico”, en palabras de Feijóo.

O acordo de constitución do Consorcio Interuniversitario de Galicia é un paso máis nese camiño de colaboración, que non podería ser unha realidade sen todo o que se fixo antes e sen que ese compromiso fose compartido entre as universidades e a Xunta. Con este novo organismo, “o Sistema Universitario de Galicia vai fortalecerse para ser máis útil e eficiente”, asumindo as competencias do Consorcio de Bibliotecas Universitarias, do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria e a Comisión Interuniversitaria de Galicia, ademais de ampliar competencias e tarefas.

Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais


Por outra banda, Feijóo explicou que o edificio Fontán tamén acollerá o futuro Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais, que estará dedicado a “profundar en todo o que rodea ao Camiño de Santiago, a paisaxe, os itinerarios culturais e o patrimonio”. Este centro será unha das primeiras expresións da vontade de facer un centro de investigación conxunto e poñelo á disposición do patrimonio cultural e económico que supón a ruta xacobea, dentro das liñas de traballo que definirán as universidades.

“Deste xeito, Galicia contará co mellor armazón teórico, académico e intelectual para investigar sobre o Camiño de Santiago e todo o que o rodea, que nos encherá de argumentos para preparar o Xacobeo 2021 e todo o que podemos facer co noso patrimonio”, indicou Feijóo.

Cómpre destacar que se trata do primeiro centro de investigación en ciencias sociais do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e o único de España nestas áreas de coñecemento. Os seus contidos e investigacións serán definidos e coordinados en conxunto coas tres universidades e coa súa masa científica.

Decisión en clave de país


Para rematar, o presidente da Xunta indicou que o edificio Fontán se erixirá nunha situación estratéxica, que será boa para a comunidade universitaria (que disporá dunha instalación para todas as universidades, todo o profesorado e todo o alumnado), boa para a Cidade da Cultura (que completa a súa oferta de servizos) e boa para Galicia.

Feijóo fixo referencia ao matemático que lle dará o nome ao novo edificio, o matemático Domingo Fontán, que no século XIX percorreu Galicia a pé para elaborar a Carta Xeométrica, un mapa minucioso e detallado. “Fontán concienciounos sobre a importancia de entender Galicia como un todo —concluíu— e hoxe as tres universidades honran o seu legado cunha decisión tomada en clave de país, unha decisión valente e xenerosa e que plasma que o minifundismo académico non cabe nas universidades galegas do século XXI”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/05/2018