Galicia consegue o apoio da Comisión do Arco Atlántico á inclusión do noroeste de España no Corredor Atlántico de Mercadorías

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Comillas na Asemblea Xeral da Comisión Arco Atlántico, que agrupa a 15 rexións de cinco estados europeos

Na xuntanza tamén abordaron as liñas xerais do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e agradeceron o labor de Galicia na coordinación do grupo de traballo sobre o impacto do Brexit na cornixa atlántica

Aprobaron a creación dunha iniciativa transnacional e interrerexional para apoiar os intereses das rexións do Arco Atlántico nas negociacións do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Comillas na Asemblea Xeral da Comisión Arco Atlántico, entidade que agrupa a 15 rexións procedentes de cinco estados europeos: Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal. A Comisión do Arco Atlántico creouse en 1989 en Faro (Portugal) e é unha das seis comisións xeográficas da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas (CRPM).

O obxectivo principal deste encontro é fomentar vías de cooperación e interrexional en ámbitos como as enerxías mariñas renovables, innovación, turismo, cultura, pesca e acuicultura, transportes ou o Brexit.

Durante a xuntanza analizouse a decisión da Comisión Europea de incorporar o noroeste español ao Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías, o que suporá incrementar a súa competitividade económica e a súa capacidade loxística, segundo a proposta publicada o pasado 6 de xuño. As rexións do Arco Atlántico defenderon a necesidade de garantir a competitividade dos territorios e amosaron o seu apoio á reivindicación galega de incluír o noroeste de España no Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías. A decisión, que deberá ser referendada polo Parlamento e o Consello europeo, garantirá fondos comunitarios para a modernización da liña de ferrocarril de mercadorías a través do mecanismo de financiamento ‘Conectar Europa’.

Outro asunto que centrou os debates foi a modificación das liñas xerais do FEMP 2020-2027 que, como lembrou Gamallo, coincide a grandes liñas co demandado por Galicia través do ditame elaborado no seno do Comité das Rexións e que foi aprobado por unanimidade dos seus membros en maio de 2018. O novo instrumento recolle as demandas galegas de modo xenérico, xa que se segue mantendo un fondo específico para a pesca, incluíndo unha parte horizontal e xenérica xestionada pola UE e outras especificamente adecuadas aos Estados membros.

Por outra banda, a comisión Arco Atlántico expuxo o labor desempeñado por Galicia a través da Fundación Galicia Europa, na dirección da Task Force do Brexit, o grupo de traballo específico sobre o impacto que terá a saída do Reino Unido nas rexións da cornixa atlántica da Unión Europea. O grupo de traballo coordinado por Galicia ten un triplo obxectivo: informar ás rexións atlánticas sobre os desenvolvementos de Brexit; presentar unha declaración sobre o impacto da saída de Reino Unido nas rexións atlánticas; e promover a presenza política “atlántica” en temas relacionados con Brexit. As rexións atlánticas amosaron a súa satisfacción polo traballo levado a cabo por Galicia, a través da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, e solicitaron revalidar as súas funcións.

Finalmente, Gamallo aproveitou a súa intervención para solicitar a creación dunha iniciativa transnacional e interrexional para apoiar os intereses das 15 rexións do Arco Atlántico nas negociacións do Marco Financiero Plurianual 2021-2027, o que tamén acadou o apoio unánime do resto das rexións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2018