O Arquivo do Reino de Galicia recibe sete libros de actas da antiga Residencia Sanitaria Juan Canalejo da Coruña

O secretario xeral de Cultura e o xerente do Sergas participaron dun acto que "contribúe a normalizar as transferencias documentais entre institucións e organismos públicos”

As actas recollen a actividade levada a cabo polo centro hospitalario nos seus inicios, entre os anos 1951 e 1967

A Coruña, 20 de xuño de 2018
  • whatsapp

O Arquivo do Reino de Galicia recibiu sete libros de actas da antiga Residencia Sanitaria Juan Canalejo da Coruña, que hoxe é parte do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Trátase de dous libros de actas da Xunta Facultativa, dous da Xunta Económica da Residencia Sanitaria do Seguro de Enfermidade da Coruña, outros dous da Xunta Administrativa da Residencia Sanitaria de Juan Canalejo e un da Comisión Provincial de Plus Familiar.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo puxo en valor estes libros como “unha documentación de gran relevancia que contribúe, en gran medida, a normalizar as transferencias documentais entre institucións e organismos públicos”. As actas recollen a actividade desenvolvida polo novo centro hospitalario, o primeiro de España do Plan Nacional de Institucións Sanitarias, entre o ano 1951, cando se inaugurou, e o ano 1967. Anxo Lorenzo incidiu en que “estas transferencias permiten poñer toda esta documentación a disposición do público e serven como fonte para a investigación, así como testemuño da orixe do actual sistema sanitario público”.

No acto de presentación estiveron tamén presentes o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa; a directora do Arquivo do Reino de Galicia, Carmen Prieto, e o xerente da Xestión Integrada da Coruña, o doutor Luis Verde. O xerente do Sergas agradeceu a disposición do Arquivo do Reino de Galicia para a conservación destes documentos e destacou a importancia das actas pois “reflicten toda a actividade desenvolvida por este centro hospitalario nas décadas dos 50 e 60: adquisicións de novos materiais, medicamentos, contratación de persoal, novos servizos...”. Con esta transferencia, salientou “queremos contribuír unha vez máis, a poñer en mans de futuros investigadores as fontes que permitan desenvolver a historia da administración sanitaria de España, para a que estes libros de actas da primeira Residencia que se abriu en España constitúen unha fonte imprescindible coa que entender a orixe do actual Sistema Sanitario Público”.

Normalización dun procedemento entre administracións

O secretario xeral de Cultura quixo agradecer “a sensibilidade e o compromiso” do Sergas e “a colaboración na tarefa de concienciar a sociedade da importancia de conservar e transmitir un legado que reflicte a nosa historia”. “Por iso –engadiu– estamos traballando de xeito coordinado con todas as administracións para que o que hoxe estamos facendo sexa, canto antes, un procedemento normal”.

A Xunta de Galicia, a través da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, é responsable da protección, conservación e difusión do patrimonio documental de interese para Galicia, que inclúe documentos de titularidade pública e privada. Previamente, mediante a Orde de 30 de agosto de 2010, quedaron establecidas as normas para a realización de transferencias documentais con destino aos arquivos dependentes da Xunta.

A Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura e Educación, ten atribuída a responsabilidade da organización, funcionamento, acceso e difusión do contido dos arquivos de interese para Galicia e do Sistema de Arquivos da comunidade galega, ao que pertence o Arquivo do Reino de Galicia, no que quedaron depositados os libros de actas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/06/2018