Educación licita os contratos de 255 cafeterías dos centros de ensino públicos

Ademais da mellor relación calidade-prezo, nas ofertas valorarase tamén a oferta de produtos sen glute e lácteos de orixe galega

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar os contratos de 255 cafeterías escolares en centros de ensino públicos.

A licitación, que foi publicada no DOG ( https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180717/AnuncioG0164-110718-0005_gl.html) vén derivada da entrada en vigor da Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público, que categoriza os contratos de cafeterías escolares como servizos públicos, polo que é preciso executar unha licitación en aberto dos ditos servizos.

Deste xeito licítanse en aberto un total de 255 servizos de cafetería repartidos en catro lotes a razón de un por provincia, cun prazo de presentación de 26 días naturais contados a partir do pasado día 17, nos Rexistros Xerais da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, en función da localización da cafetería escolar á que se presente oferta.

Para a adxudicación final de cada cafetería escolar valorarase a mellor relación calidade-prezo derivada do canón de explotación anual ofertado por enriba do obrigado no prego de cláusulas administrativas particulares da licitación e do abaratamento para os consumidores dos prezos dos artigos a servir consignados no prego de prescricións técnicas, así como a disposición permanente de produtos sen glute, a utilización de lácteos de orixe galego e a experiencia no sector do persoal adscrito aos contratos.

Os adxudicatarios das distintas cafeterías escolares virán obrigados ao pagamento dun canón anual de explotación fixado en cada caso, no anexo V do prego de cláusulas administrativas particulares, en función do horario diario e o número de usuarios de cada cafetería.

As distintas mesas de contratación das que consta este procedemento de licitación desenvolveranse nas catro Xefaturas Territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cada unha das cales valorará as ofertas presentadas e proporá ao órgano de contratación o posible adxudicatario de cada unha das cafeterías escolares existentes en cada provincia.

A duración destes contratos abranguerá o curso escolar 2018-2019, con posibilidade para a Administración Educativa de decidir a prórroga dos contratos para o curso escolar 2019-2020.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/07/2018