O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu hoxe á entrega de diplomas celebrada na cidade departamental
A Xunta gaba o compromiso e solidariedade dos participantes no curso de voluntariado de ASCM Ferrol

Un total de 22 persoas investiron o seu tempo en formarse para poder axudar a quenes máis o precisan

Galicia é a comunidade autónoma máis comprometida e con maior índice de participación en materia solidaria segundo o Observatorio da plataforma do voluntariado
 

Ferrol, 27 de xullo de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe á entrega dos diplomas a 22 participantes no curso de voluntariado que levou a cabo a Asociación Sociocultural ASCM Ferrol e na que traballan en prol da plena integración das persoas con discapacidade e da mellora da súa calidade de vida.

Rey Varela felicitou aos participantes polo seu compromiso e por investir o seu tempo en formarse para saber axudar a quen máis o precisa. Así mesmo, destacou que a colaboración entre administracións e entidades é vital para axudar a aquelas persoas que máis o precisan e “para avanzar nesta meta, é tamén moi importante a implicación do conxunto da sociedade”, destacou o conselleiro. “Un compromiso que están a demostrar os participantes neste curso”, engadiu o titular da carteira autonómica.

Cómpre destacar que Galicia é a comunidade autónoma máis comprometida e con maior índice de participación en materia solidaria, tal e como se desprende do último informe elaborado polo Observatorio da plataforma do voluntariado sobre a acción voluntaria en España.

ASCM Ferrol leva máis de 30 anos desenvolvendo a súa actividade na cidade departamental e o conselleiro apuntou aos obxectivos comúns da entidade e da Xunta de Galicia que non é outro que seguir avanzando na eliminación de barreiras e na concienciación de que todas as persoas aportan á sociedade, independentemente das diferentes capacidades de cada individuo. Por elo, a Xunta colabora economicamente coa entidade, e no ano 2017 achegou preto de 11.000 euros.

A Administración autonómica deu un impulso ás políticas sociais centradas nas persoas con discapacidade, xa que no orzamento de 2018 se incrementan máis dun 8,5% en comparación coas contas do presente ano ata acadar os 102,8 millóns de euros. Unha maior marxe orzamentaria que permite a creación de novas prazas de atención, reforzar o concerto social, incrementar a contía dos convenios coas entidades e federacións, así como aumentar considerablemente a orde de axudas a entidades no ámbito municipal para dotar os seus equipamentos de melloras en accesibilidade e para a supresión de barreiras arquitectónicas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/07/2018