Juntos por los bosques propón á Xunta que acolla no 2019 a celebración a nivel nacional do Día Forestal Mundial

A conselleira do Medio Rural recibiu hoxe aos responsables desta plataforma e amosoulles a súa plena disposición a colaborar neste evento

Esta xornada conmemórase cada 21 de marzo e serve para poñer en valor esta riqueza desde os puntos de vista ambiental, económico, social e cultural
 

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2018
  • whatsapp

Os responsables da plataforma Juntos por los Bosques, que representa á práctica totalidade do sector forestal español, trasladáronlle hoxe á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, a súa proposta para que Galicia acolla o vindeiro ano a celebración a nivel nacional do Día Internacional dos Bosques, que se conmemora cada 21 de marzo.

A titular da consellería, que estivo acompañada nesta xuntanza polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, agradeceu esta proposición e amosou a plena disposición da Xunta a colaborar na organización deste evento tendo en conta, ademais, que a nosa comunidade é un referente dentro de España no ámbito da produción e os aproveitamentos forestais.

Juntos por los Bosques quedou constituída en xuño de 2016 e actualmente agrupa unha trintena de entidades do sector, entre as que hai representantes da propiedade privada e local, industrias, empresas de servizos, produtos non madeireiros, entidades profesionais e académicas, de certificación, culturais e outros. Esta plataforma vén traballando da man de diferentes administracións públicas na promoción, fomento e defensa da riqueza forestal española, así como na divulgación dos seus valores ambientais, económicos, sociais e culturais.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 20/09/2018