A Xunta apoia con máis de 260.000 € o labor das asociacións de comerciantes de Vigo no impulso á competitividade do sector

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, visitaron hoxe o mercado de Teis, cuxa asociación de praceiros realiza con estas axudas diferentes accións de dinamización

Os apoios, dos que se benefician catro centros comerciais abertos e catro asociacións de praceiros da cidade, ademais dunha federación, permiten a posta en marcha de proxectos de fidelización de clientes ou sinalización comercial

O respaldo ao asociacionismo no sector é unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia
 

Vigo, 24 de outubro 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron hoxe o mercado vigués de Teis, a cuxa asociación de praceiros a Xunta vén de conceder apoios por 9.800 euros para a posta en marcha de diferentes accións de dinamización co obxectivo de atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder apoios por máis de 260.000 euros ás asociacións de comerciantes de Vigo para colaborar no importante labor que desenvolven no impulso á competitividade do comercio de proximidade na cidade.

A través dos mesmos a Xunta colabora, ademais de coa asociación de praceiros de Teis e o centro comercial aberto do mesmo barrio, cos centros comerciais abertos do Calvario, Travesas e Príncipe; así como coas asociacións dos mercados das Travesas, do Calvario e do mercado do Progreso. É tamén beneficiaria a Federación Provincial de Comercio de Pontevedra, que ten sede na cidade.

Os apoios poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros, en función do número de establecementos asociados. No que respecta ás asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9800 euros. No caso da federación, o apoio, de máis de 43.000 euros, alcanza o 70% do investimento a realizar.

As axudas que veñen de concederse permitirán realizar diferentes campañas de dinamización, incorporar sistemas de fidelización ou realizar melloras na sinalización comercial externa, e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

O respaldo ao asociacionismo comercial é unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/10/2018