O presidente do Goberno galego clausurou, esta tarde, o V Congreso Nacional de Áridos
Feijóo anima ao sector de áridos a manter a conciencia ambiental e ofrece a futura Guía de boas prácticas para integrar na paisaxe as actividades extractivas

Precisa que esta guía permitirá contar cunha folla de recomendación que garanta a integración na paisaxe desde o momento en que se abre unha actividade extractiva ata que se remata a explotación

Asevera que en 2017 Galicia foi a primeira comunidade en investimento per cápita, no que a orzamentos se refire, e continúa esa tendencia cuns orzamentos para 2019 cuxo capítulo de investimentos e de transferencias de capital sobe un 7%
 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ao sector de áridos a manter a conciencia ambiental e ofreceu a futura guía de boas prácticas para integrar na paisaxe as actividades extractivas.

Durante a clausura do V Congreso Nacional de Áridos, Feijóo referiuse deste xeito á economía circular como un dos principais desafíos aos que o sector ten que facer fronte no futuro máis inmediato: pola propia importancia do sector, xa que os áridos son a segunda materia prima máis consumida despois da auga e representan máis do 50% dos recursos minerais consumidos. Porque a UE está definindo a nova política sobre economía circular, o que obriga a facer unha xestión máis eficiente dos recursos e tamén a aceptar a nova realidade da produción de áridos artificiais; e porque ser máis sustentable hoxe é bo para o mañá.

Diante disto, incidiu na colaboración que, desde a Xunta, se quere prestar ao sector para garantir en maior medida a integración paisaxística das actividades extractivas. Así, precisou que, esta mesma mañá, o Consello aprobou unha colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia e coa Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía para redactar unha guía de boas práctica neste ámbito. “É dicir, para contar cunha folla de recomendación que garanta a integración na paisaxe desde o momento en que se abre unha actividade extractiva ata que se remata a explotación”, explicou.

Así mesmo, aseverou que en 2017 Galicia foi a primeira comunidade autónoma en investimento per cápita, no que a orzamentos se refire, e continúa esa tendencia cuns orzamentos para 2019 cuxo capítulo de investimentos e de transferencias de capital sube un 7%.

Feijóo concluíu a súa intervención aseverando que, se ben o sector aínda non alcanzou os niveis de facturación precrise, a celebración deste congreso pon de manifesto que está máis forte e que o seu crecemento se está confirmando cunha responsabilidade social e ambiental cada vez maior. “Parabéns polo voso afán de seguir crecendo pero non de facelo a calquera prezo”, dixo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/10/2018