O titular da Xunta presidiu a homenaxe con motivo do XXXVIII aniversario do seu falecemento
Feijóo enxalza a figura de Rodolfo Prada cuxa traxectoria contribúe a incrementar o noso orgullo colectivo

Refírese a Rodolfo Prada como un loitador contra o esquecemento e da esperanza, que consegue que o Bos Aires daquel tempo sexa unha auténtica capital da Galicia que espera o momento de reiniciar o seu camiño

A Peroxa (Ourense) , 5 de novembro de 2018

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a figura de Rodolfo Prada Chamochín cuxa traxectoria, aseverou, contribúe a incrementar o noso orgullo colectivo.

Durante a celebración do XXXVIII aniversario do seu falecemento, Feijóo referiuse a Rodolfo Prada como un loitador contra o esquecemento “que logra que aquel Daniel Castelao que arribara ás Américas coa tristura de perder o soño de Galicia e coa imaxe aínda viva de tantos amigos e compañeiros que foran vítimas do odio incivil, rexurda como gran patriarca da galeguidade”. E como un loitador da esperanza, que consegue que o Bos Aires daquel tempo non sexa unha capital de expatriados que capitulan e de emigrantes que esmorecen en medio da saudade, senón unha auténtica capital da Galicia que espera o momento de reiniciar o seu camiño.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego destacou tamén a inmensa fe que Prada Chamochín tiña nos galegos e que o levou a construír “a ponte máis grande de todas”. “Unha ponte que aínda non foi superada e que resistiu o paso do tempo e das tempestades: a ponte que une América, e especialmente Bos Aires, con Galicia e pola que houbo un tráfico incesante de esperanza, de orgullo e de exemplo”, aseverou.

O presidente da Xunta concluíu afirmando que a coherencia, a solidez e a fidelidade á terra que caracterizan a obra de Manuel Buciños, o artista encargado de inmortalizar este aniversario cunha escultura, son virtudes que comparte con Rodolfo Prada e coas xentes dos Peares.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/11/2018