A Xunta suma ás prazas de abastos galegas á campaña do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participaron hoxe na presentación desta campaña
 

Sanxenxo (Pontevedra), 20 de novembro de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentaron hoxe en Sanxenxo a campaña da Xunta con motivo da conmemoración, o próximo 25 de novembro, do Día internacional contra a Eliminación da Violencia de Xénero, á que a partir de agora se adhire a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal).

A administración autonómica puxo en valor esta nova adhesión, en tanto a Federación aglutina un total de 13 prazas que constitúen un espazo fundamental de encontro a nivel local e que, polo tanto, suporán unha importante contribución á divulgación da campaña.

A través desta colaboración, as prazas disporán de material relacionado coa campaña institucional do 25 de novembro, que ten como mensaxe principal: “Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON”

Con este lema, a Xunta quere dicirlle NON a todas a formas de violencia de xénero que están recollidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e que se recollen no seu artigo 3: Violencia física, Violencia psicolóxica, Violencia económica, Violencia sexual e abusos sexuais, Acoso sexual, e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.

Ademais, a Xunta tamén facilitou á Federación outro material relacionado coa concienciación nesta materia, como trípticos con información coas preguntas máis frecuentes ou consellos relacionados coa seguridade, así como carteis para dar a coñecer a aplicación “AgresionsOFF”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/11/2018