A Xunta impulsa a modernización do comercio de proximidade con achegas de máis de 330.000 euros na provincia

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que o 75 por cento das solicitudes están orientadas a mellorar a presencia na internet e as ferramentas de xestión

Sarria (Lugo), 21 de novembro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria achegou máis de 330.000 euros en axudas entre 72 comerciantes da provincia para a modernización e dixitalización das súas empresas e para medidas de expansión comercial. Este montante supón o 50 por cento do investimento subvencionable.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu a coñecer hoxe estes datos durante a visita a varios establecementos de Sarria, municipio no que hai 15 comercios beneficiarios que reciben unha contía global de preto de 32.000 euros.

Balseiro sinalou que os comerciantes lucenses demostraron nesta convocatoria un notable interese por incorporar a venda en liña, mellorando a súa presencia na internet. “Os empresarios están a realizar un importante esforzo de modernización e adaptación para poder competir no novo modelo de mercado -afirmou-, e a Xunta respalda ese esforzo para garantir o futuro do comercio de proximidade, que é a alma das nosas vilas e cidades”.

O delegado detallou que as axudas atenderon a un ou varios conceptos segundo o solicitado polos comerciantes, que nun bo número de casos sumaron apoios para distintas actuacións. En xeral, o 75 por cento das solicitudes están orientadas a mellorar a presencia na internet e as ferramentas de xestión.

Así, entre as medidas máis demandadas figuran 25 proxectos de implantación ou actualización de páxinas web e a mellora da imaxe en liña dirixidas á comercialización dos seus produtos, e 26 proxectos para a implantación de ferramentas como sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais, comerciais e software adecuados ás necesidades da empresa.

Tamén se impulsan catro proxectos de deseño e implantación de packaging para a venda en liña, e dous para novas fórmulas de comercialización. Ademáis, 25 solicitantes engadiron os servizos de xestión de redes sociais; neste caso, a axuda da Xunta consiste nun tícket para a xestión de redes sociais, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio.

Por último, 15 solicitantes reciben achegas para a modernización integral do local comercial incluídos nun proxecto de decoración e interiorismo. Sufraganse obras como a reforma e acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local comercial, adquisición de moblaxe e equipamento, e mellora da fachada exterior.
 

Data de actualización: 21/11/2018