A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, supervisou as obras realizadas no contorno da casa do Concello e do centro de saúde de Oímbra ao abeiro destas axudas da Consellería de Política Social
Ademais resultaron beneficiados Barbadás, Castrelo de Miño, O Barco de Valdeorras, Ribadavia e San Cibrao das Viñas
As axudas, cofinanciadas polo programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, contemplan unha achega máxima por entidade do 70% do orzamento total subvencionable ate un máximo de 60.000 euros
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe o concello de Oímbra e xunto coa súa alcaldesa, Ana Villarino, comprobou o resultado das obras de mellora da accesibilidade no contorno da Casa do Concello e do centro de saúde.
Esta intervención está enmarcada na liña de subvencións de máis dun millón de euros que a Consellería de Política Social destinou o pasado ano para o fomento da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciada polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER Galicia 2014-2020).
Durante a visita, a delegada territorial explicou que o obxectivo desta liña de axudas, a través da cal o Concello de Oímbra recibiu unha achega de 60.000 euros, é suprimir as barreiras arquitectónicas e dotar aos edificios públicos do rural de Galicia das infraestruturas adecuadas para garantir a súa accesibilidade. Así, en Oímbra as obras de mellora realizadas centráronse na renovación da pavimentación e eliminación de desniveis do itinerario peonil co fin de facer accesible toda a zona de acceso aos dous edificios públicos beneficiados por estes traballos, ademais da construción dunha rampla e a dotación dunha praza de aparcadoiro para persoas con discapacidade.
Díaz Mouteira indicou que mediante esta liña de subvencións se axudou un total de 6 concellos na provincia de Ourense, por un importe de 160.000 euros. Ademais de Oímbra, resultaron beneficiados os concellos de Barbadás, Castrelo de Miño, O Barco de Valdeorras, Ribadavia e San Cibrao das Viñas.
Actuacións subvencionables
As intervención financiadas inclúen obras de mellora de itinerarios peonís e reforma de beirarrúas, adaptacións de aseos ou instalacións de varandas, co obxectivo de garantir a accesibilidade en edificios e espazos de uso público.
As axudas contemplan unha achega máxima por entidade do 70% do orzamento total subvencionable ate un máximo de 60.000 euros. As achegas concedéronse en réxime de concorrencia competitiva e chegaron ao 100% dos solicitantes que acreditaron o cumprimento dos requisitos establecidos na convocatoria.
A delegada territorial subliñou que a Consellería de Política Social vén a reforzar de forma transversal as políticas de inclusión dirixidas ás persoas con maiores dificultades e ás súas familias, co obxecto de xerar condicións efectivas de non discriminación e accesibilidade universal en toda clase de contornos, produtos e servizos.