A Xunta continuará o ano que vén a mellora do Hospital Público de Ourense, impulsando un novo edificio e a reforma do materno cun investimento previsto de 64,4 millóns


Establece tres retos: integrar a hospitalización de adultos, pediátrica e xinecolóxica; modernizar o 100% de todas as áreas de hospitalización; e centralizar as áreas diagnósticas e preparar a reforma das consultas e áreas docentes e administrativas

Afirma que as obras se impulsarán tendo en conta a opinión dos profesionais e dos pacientes, co fin de cumprir o obxectivo de licitar a redacción deste proxecto nos primeiros meses de 2019

Ademais desta fase, asegura que, de xeito paralelo, xa se está a traballar nos usos e remodelacións necesarios para os edificios orixinais do hospital

Di que este proxecto contribuirá a mellorar o día a día dos profesionais, pacientes e familiares, como xa o fixo o edificio que, cun investimento de 41 millóns de euros, se iniciou en plena crise económica e se puxo a funcionar en setembro de 2017

Asevera que a aposta polas infraestruturas sanitarias non só pasa polo hospital como proba a reforma de 5 centros de saúde e a construción de 8 novos desde 2009 aos que se sumarán outros 2 proximamente
 

Ourense, 17 de decembro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que a reforma do Hospital Público de Ourense continuará o ano que vén, “sen facer parénteses”, cunha nova fase que suporá a construción dun novo edificio e a reforma integral do materno infantil.

Durante o acto de presentación do proxecto de ampliación, Feijóo reeditou hoxe o compromiso de acometer, “sen agardar”, as fases que faltan para que este hospital público quede preparado para as próximas décadas, baixo tres retos básicos aos que dar resposta: integrar a hospitalización de adultos, pediátrica e xinecolóxica; modernizar o 100% de todas as áreas de hospitalización; e centralizar as áreas diagnósticas e preparar a futura reforma das consultas e áreas docentes e administrativas.

Deste xeito, incidiu en que, de forma inmediata, se impulsará un novo edificio ao que se prevé trasladar a hospitalización que resta por modernizar, ben comunicado coas restantes áreas de ingreso, servizos diagnósticos, bloque cirúrxico, urxencias e unidades de críticos. “Isto permitirá baleirar o materno infantil e proceder á súa total remodelación, creando un núcleo compacto de hospitalización e servizos que pola súa vez faciliten fases posteriores”, dixo, ao que engadiu que, a maiores, nesta fase tamén se reformarán as ás esquerdas do vello edificio de hospitalización -o edificio Cristal-, para que faga as funcións de comunicación e de apoio clínico para as zonas de hospitalización dos dous novos edificios, tanto o inaugurado en 2017 como do de próxima construción.

Así mesmo, aseverou que as tres etapas se impulsarán tendo en conta a opinión dos profesionais e dos pacientes. E, con ese ánimo, nas próximas semanas intensificaranse os contactos co fin de cumprir o obxectivo de licitar a redacción deste proxecto nos primeiros meses de 2019.

Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico fixo fincapé en que a clave desta nova fase é a integración da hospitalización que permitirá poñer fin á complexidade que representa a separación física das áreas de hospitalización, cos conseguintes traslados e limitacións de accesibilidade aos servizos centrais e diagnósticos.

Deste xeito, conseguirase un núcleo compacto de hospitalización e servizos, e a unión interna tamén entre as urxencias pediátricas e as xerais. A isto hai que engadir que os novos núcleos de comunicación farán posible independizar as circulacións internas –de ingresos e do persoal- das ambulatorias. E a reforma do Materno infantil, ademais da modernización integral do edificio, fará posible a ampliación do espazo para unha área ambulatoria con acceso directo desde a rúa.

Ademais desta fase, Feijóo asegurou que, de xeito paralelo, xa se está a traballar nos usos e remodelacións necesarios para os edificios orixinais do hospital.

“A previsión é que poidamos licitar o Plan funcional e o Plan de espazos correspondente a estas actuacións no segundo trimestre de 2019”, afirmou, subliñando que, desta maneira, o Goberno galego asume o compromiso de volver a Ourense antes de que remate o próximo ano, para informar dos detalles desa última fase que completará a ampliación e reforma deste hospital público.

Melloras na atención primaria

O presidente da Xunta aseverou que este proxecto contribuirá a mellorar o día a día dos profesionais, pacientes e familiares, como xa o fixo o edificio que, cun investimento de 41 millóns de euros, se iniciou en plena crise económica e se puxo a funcionar en setembro de 2017. “Unha infraestrutura que dotou este centro de 52.000 metros cadrados adicionais, conseguindo concentrar todas as unidades nun único edificio fronte aos tres anteriores e con 287 camas máis”, explicou, referíndose tamén á adecuación de espazos no Santa María Nai, para novas consultas en oncoloxía ou na ampliación do hospital de día; coa reforma integral da área de Resonancia Magnética e TAC, que se está a piques de rematar; ou coa apertura de novos locais de restauración, aos que se sumará a nova cociña nos primeiros meses do ano que vén, tras un investimento de máis de 4,5 millóns de euros.

Feijóo concluíu aseverando que a aposta polas infraestruturas sanitarias non só pasa polo hospital como proba a construción de oito novos ambulatorios - na Merca, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, A Peroxa, O Couto, Pontedeva e en Barbadás-, aos que se sumarán outros dous –en Paderne de Allariz e en Pereiro de Aguiar-; e a reforma doutros cinco –en Carballeda de Avia, A Rúa, Muíños, Gomesende e O Bolo-.

Unhas infraestruturas que fan posible que entre un 15% e un 18% dos ourensáns teñan hoxe ao seu carón un centro de saúde novo ou renovado.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/12/2018