A Xunta mobilizará máis de 24m€ no impulso á eficiencia enerxética e as renovables nos fogares e nas empresas

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presenta as tres primeiras convocatorias do Inega para o 2019, que contarán cun orzamento de máis de 6,5 millóns de euros

Estas actuacións permitirán un aforro de máis de 50 millóns de euros e contribuirán á creación ou mantemento de máis de 210 empregos

Apoiarase con máis de un millón de euros a instalación de caldeiras de biomasa nos fogares en zonas non densamente poboadas

As empresas e autónomos do sector servizos e da industria contarán con 3,76 millóns de euros para a realización de auditorías e proxectos de aforro e eficiencia

Tamén se destinan 1,72 millóns de euros a impulsar o uso de renovables e a eficiencia enerxética no sector agrícola primario

Estas iniciativas, incluídas nas Directrices Enerxéticas de Galicia, complementaranse ao longo do ano con programas centrados en fomentar o autoconsumo; impulsar o uso da biomasa en empresas e Administración autonómica; e na implantación de renovables

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou hoxe os tres primeiros programas de axudas para o vindeiro ano do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), aos que se destina máis de 6,5 millóns de euros e cos que se impulsarán investimentos por máis de 24 millóns na implantación de caldeiras de biomasa nos fogares; na eficiencia enerxética na industria e no sector servizos, así como no agrícola primario, que contará tamén con apoios para a implantación de renovables.

Tal e como sinalou en rolda de prensa o director xeral, estas convocatorias, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas próximas semanas, terán impacto non só no medio ambiente, senón tamén na economía das familias e das empresas. Así, os apoios contribuirán á creación ou mantemento de máis de 200 empregos. Ademais, permitirán un aforro económico conxunto na vida útil das instalacións de máis de 50 millóns de euros, e evitarase anualmente a emisión á atmosfera de 12.535 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente á plantación de 625.000 árbores.

A través da convocatoria para apoiar a instalación de caldeiras de biomasa para familias e comunidades de propietarios en zonas non densamente poboadas, cuxa publicación no DOG está prevista para o vindeiro 7 de xaneiro, concederanse apoios por 1,044 millóns de euros. O programa, cofinanciado con fondos Feader, contempla axudas de ata 60.000 euros.

O programa destinado a empresas e autónomos do sector servizos e a industria, que conta cun orzamento de 3,76 millóns de euros e co que se impulsa a realización de auditorías enerxéticas e a implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética, prevese publicar o próximo 9 de xaneiro. Esta convocatoria, cofinanciada con fondos Feder, conta con axudas de ata un millón de euros, en función do aforro enerxético xustificado, e alcanza ata o 50% do investimento a realizar no caso das pequenas empresas.

O director xeral de Enerxía e Minas tamén presentou hoxe o programa para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética no sector agrícola primario, que se prevé publicar no mes de febreiro. Esta iniciativa, cun orzamento de 1,72 millóns de euros, apoia a instalación de equipos térmicos de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia e solar térmica; así como o autoconsumo con minieólica e solar fotovoltaica e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nun sector clave para a economía galega. Nesta convocatoria, con axudas de ata 300.000 por empresa, tamén se contempla unha maior intensidade nos apoios ás pequenas empresas, que poden obter ata o 55% do investimento subvencionable.

Ao longo deste ano está previsto que ás convocatorias anunciadas hoxe se sumen outros programas para fomentar o autoconsumo, destinados tanto a familias como a empresas e administracións; e para impulsar a utilización de biomasa con fins térmicos por parte de empresas, institucións sen ánimo de lucro e no sector público autonómico; así como para impulsar o uso de outras enerxías renovables de uso térmico.

Estas convocatorias enmárcanse nas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, coas que se impulsará, mediante a colaboración público-privada, un investimento de máis de 3000 millóns de euros. Esta folla de ruta busca mellorar a calidade de vida dos galegos, a través do abaratamento dos custos e o aumento da calidade da subministración, e a competitividade do tecido empresarial grazas a un crecemento económico sustentable, apostando pola eficiencia e a potenciación das enerxías renovables de carácter autóctono.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/12/2018