A totalidade de espazos do Parque Nacional Illas Atlánticas terán límite de acceso na Semana Santa de 2019

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda afirma que esta é unha das novidades que recolle o primeiro Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional Illas Atlánticas, co obxectivo de garantir a conservación co turismo sostible

Ángeles Vázquez destaca que Ribeira é o único concello galego que ten o privilexio de contar dentro do seu territorio con dous parques, o das Dunas de Corrubedo e Illas Atlánticas de Galicia

Recorda que a illa de Sálvora, en Ribeira, é unha reserva do cabalo autóctono galego e na actualidade habitan dez exemplares no illote

Salienta que outra das apostas do PRUX é a educación ambiental e a integración das persoas con diversidade funcional e puxo en valor o traballo realizado desde a Asociación Amicos ao longo destes anos, invitándoos a colaborar nos proxectos nesta liña da vindeira década

Ribeira (A Coruña), 28 de decembro de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a totalidade de espazos naturais do Parque Nacional Illas Atlánticas terán límite de acceso na vindeira Semana Santa, xa que o Plan reitor de usos e xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas entrará en vigor nas vindeiras semanas, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A conselleira, que esta mañá presentou o PRUX, aclarou que este vén de culminar ao longo do mes de decembro a súa tramitación coa aprobación -onte mesmo- no Consello da Xunta, que se suma ás aprobacións no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e no Consello de Redes de Parques Nacionais.

Salientou que entre as novidades, destaca a fixación por primeira vez dun cupo de acceso durante a tempada alta á Illa de Ons, que establece un máximo de 1300 persoas ao día por transporte colectivo, 200 de grupo e 300 no cámping; que se completa cos límites de Cíes (máximo 1800 día en transporte colectivo, 200 grupos organizados e 600 para pernoctas no cámping), e Cortegada e Sálvora (máximo 250 persoas ao día en cada illa). O obxectivo é garantir a conservación do único parque nacional que existe na Comunidade galega co desenvolvemento do turismo sostible.

Tamén salientou outras novidades como a implantación dunha nova zonificación no parque nacional, tendo en conta a súa dimensión vertical e a profundidade das augas e recordou que é a primeira vez que se aplica este sistema nun parque nacional. Deste xeito, ademais das cinco zonas xa recoñecidas (Zona de reserva, de uso restrinxido, de uso moderado, de uso especial e de edificacións existentes), créase unha nova zonificación do medio mariño, ao ter en conta a dimensión vertical para adecuar a súa delimitación ás distintas profundidades e ecosistemas, polo que agora se considera a columna de auga, os fondos mariños e as isóbatas.

Explicou que co PRUX xa está definida a folla de ruta para a vindeira década, polo que o seguinte paso é o desenvolvemento dun plan de actuacións con oito liñas de traballo, centradas na conservación da biodiversidade e a paisaxe, a investigación, o uso público, a conservación do patrimonio cultural, a mellora da sostibilidade e a calidade de vida, e a definición dun plan de emerxencias e de autoprotección e un de desenvolvemento sostible. Un plan de acción que cada ano implicará investir máis de 2,5 millóns de euros.

Nas Illas Atlánticas destacan o seu valor ambiental, paisaxístico e de biodiversidade, xa que conta con 34 hábitats de interese comunitario dos 90 que hai en Galicia. O obxectivo é manter ditos valores, polo que se establecerán plans para a eliminación de especies alóctonas e protección de flora de interese, explicou Ángeles Vázquez, como manter medidas de control, mitigación e erradicación de especies invasoras que afecten á dinámica, distribución e hábitats das poboacións presentes e poñer en marcha bancos de xermoplasma que aseguren a conservación da flora de interese para a conservación.

Ribeira, un concello privilexiado

A conselleira de Medio Ambiente salientou o privilexio que ostenta o Concello de Ribeira, xa que é o único municipio galego que conta con dous parque naturais dentro do seu territorio: as Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e o Parque Nacional Illas Atlánticas, no que está integrado a Illa de Sálvora.

Salientou que -nas máis de 2.300 hectáreas mariñas e case 250 terrestres que abarca a Illa de Sálvora- concentra importantes valores como ser zona de reserva do cabalo autóctono galego, con dez exemplares rexistrados; e dispor de 60.000 exemplares -a maior reserva de Europa- de erodium, unha das especies desta planta atópase en perigo de extinción.

Tamén conta cunha reserva biolóxica de aves mariñas, onde miles das mesmas fan os seus niños, como os corvos mariños cristados e 7.000 parellas de gaivota patiamarilla, que forman unha das maiores colonias do planeta desta especie. Por último destacou o seu gran valor xeolóxico, grazas aos ‘Bolos’, unhas grandes rochas graníticas erosionadas polos ventos, que son un sinal de identidade da súa paisaxe.

Formar e colaborar como medida de protección

A conselleira destacou que a Xunta é totalmente consciente de que achegar e informar da riqueza natural, paisaxística, patrimonial que existe neste enclave é a mellor forma de tomar conciencia dos valores que fan únicos aos distintos ecosistemas que existen no parque nacional de Galicia.

Para fomentar a educación ambiental, favoreceranse os intercambios de material e experiencias de carácter educativo con outros centros e institucións dedicadas á educación ambiental, principalmente con aqueles situados dentro da Comunidade Autónoma de Galicia. A Xunta ve necesaria a integración de todas as persoas con independencia das súas capacidades, polo que se fomentarán as actividades para a atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise ou dano cerebral.

Unha labor na que solicitou a colaboración e implicación da Asociación Amicos, para seguir desenvolvendo o traballo que fixeron ao longo deste anos e poñer en marcha iniciativas que faciliten o acceso a este enclave das persoas con diversidade funcional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/12/2018